Literatura para a fin de semana das Letras Galegas

Categoría: Nova

Damos comezo a fin de semana das Letras Galegas, unha celebración que ten que servir, ademais de para a reivindicación da nosa lingua e da nosa literatura, e para homenaxear a Lois Pereiro, para enchernos a alma de libros e de propostas culturais variadas.

Galaxia enceta este período cunha serie de actividades que arrinca o venres e que contemplan, dentro da programación da Festa do Libro da Coruña, a sinatura de Mercedes Queixas Zas do seu libro 'Vivir, unha aventura irrepetíbel. Biografía de Mª do Carme Kruckenberg', ás 18:00 h, no posto das Bibliotecas Municipais, nos Xardíns de Méndez Núñez da Coruña. Unha hora máis tarde, na sala de conferencias do Kiosko Alfonso, presentaremos 'Futuro imperfecto' de Xulia Alonso Díaz. No acto participan Víctor F. Freixanes, director xeral de Galaxia, Elena Pernas, directora das bibliotecas municipais da Coruña e Fran P. Lorenzo, xornalista.

Fóra das nosas fronteiras, na cidade irmá de Porto, ás 15:10 h, no Edificio Alfándega e dentro do III Seminario Internacional de Turismo de Saúde e Benestar terá lugar a presentación de 'O lecer das augas', coa participación dos tres autores: Luís Alonso Álvarez, Elvira Lindoso Tato e Margarita Vilar Rodríguez.

Tamén Begoña Caamaño viaxa a Portugal para presentar en Lisboa 'Circe ou o pracer do azul', o sábado 14 de maio, ás 20:00 h, na librería Ler Devagar. Intervirán o leitor de galego da Universidade Nova de Lisboa, Emilio Xosé Cambeiro López, o escritor e académico Urbano Tavares Rodrigues, a profesora de Historia Antiga da Universidade Nova de Lisboa Maria Lousada, e a autora, Begoña Caamaño. Haberá unha actuación musical do grupo do grupo Gramol, xunto con Uxía e Joao Afonso.

A mesma autora manterá un encontro-coloquio cos alumnos da Universidade Nova de Lisbao o luns día 16, ás 19:00 h, na Facultade de Ciencias Sociais e Humanas. Intervirá tamén o leitor de galego Emilio Xosé Cambeiro.

Comparte nas túas redes sociais ou por email