A Lista de Honra de CLIJ 2020 recoñece tres libros de Editorial Galaxia

Categoría: Nova

Tres libros de Galaxia están entre os 100 mellores libros do 2020, segundo a Lista de Honra que cada ano elabora a revista Cuadernos de Literatura Infantil e Xuvenil (CLIJ): Candorcas e unicornios, de María Canosa, na categoría de 12 a 14 anos, e O home que mercou un libro de Paco Martín e A maldición de San Brandán, de Paulo Calvo na de maiores de 14. Un triunfo da aposta por parte de Galaxia polas historias significativas e ben contadas, que alimentan a imaxinación – e tamén a reflexión – dos mozos e mozas.
Imaxinación como a de Ana, protagonista de Candorcas e unicornios, en cuxos amigos atopa o refuxio preciso cando sentirse diferente resulta complicado de encaixar. Unha fábula chea de sensibilidade que viaxa de Kenya á Costa da Morte para aprendermos que nunca estamos sos, que a amizade está onde menos o esperas, ás veces, se conseguimos poñernos na pel do outro.
Como na de Anibal Hortensio López da Carricova, de 24 anos, que sae unha mañá da casa coa intención de dar un bo paseo para mellorar a súa baixa forma física pero acaba mercando un obxecto, case por inercia e sen moito interese, que cambiará a súa vida ao longo do día. É o Home que mercou un libro.Un sinxelo libro que, porén, provocará unha pequena revolución: motivará espertares, novas curiosidades, encontros, amizades e… pode que ata un posible amor; quen sabe?
Porque hai obxectos que agochan moito máis poder do que parece a simple vista. Que cargan con lendas perigosamente reais e poden virar o rumbo da historia. Dende o século XII ata a actualidade, algo misterioso viaxa de Irlanda a Galicia, é buscado polos nazis para intentar sufragar a súa victoria e convértese en obxecto de desexos e cobizas de estudosos e coleccionistas. A maldición de San Brandán vai pasando de mans en mans nunha novela frenética, chea de intriga e cun final sorprendente.
A Lista de Honra de CLIJ ten por fin facilitar a selección de bos libros a profesores, bibliotecarios e estudosos, pero tamén a nais e pais, a partir do total de obras recensionadas e seleccionadas pola revista que, con 34 anos de traxectoria, polo que é unha grande fonte de referencia. En Editorial Galaxia seguiremos contribuíndo a unha literatura infantil e xuvenil de calidade ano tras ano e agardamos que gocedes, para empezar, destes tres marabillosos títulos.

Comparte nas túas redes sociais ou por email