Foi galardoada coa súa novela Deixe a súa mensaxe despois do sinal.
Arantza Portabales foi galardoada onte, no Día das Letras Galegas, co Premio Novela Europa ‘Casino de Santiago’ na modalidade de novela galega. Un prestixioso recoñecemento á traxectoria da escritora.
Trátase dun certame no que se ten en conta o voto dos lectores, e que se suma ao ditame do xurado. Desde o Casino sinalaron que Deixe a súa mensaxe despois do sinal foi a novela máis apoiada polo público, destacando “a profundidade dos personaxes” e a “facilidade para conectar co lector; son historias moi próximas á vida diaria”.
Portabales preséntanos a catro mulleres que loitan por saír adiante, contando os seus problemas ante un contestador automático. Marina, Carmela, Sara e Viviana, as nosas protagonistas, comparten as súas historia a través das mensaxes que deixan no aparello, tecendo así unha única trama. Historias que imos construíndo a medida que escoitamos as gravacións no trebello. Historias narradas en capítulos curtos, que non deixarán indiferente a ninguén.
Esta é unha novela orixinalísima que conecta co público a través desas escenas cotiás que podemos compartir todas e todos. As nosas protagonistas representan a muller de hoxe en catro voces distintas. Traducida ao español, italiano e hebreo, é unha obra imprescindible.
Arantza Portabales (San Sebastián, 1973) é licenciada en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela e funcionaria da Escala Superior de Finanzas da Xunta de Galicia. Na Editorial Galaxia, publicou títulos moi aclamados coma Sobrevivindo (Galaxia 2015), obra que resultou vencedora do XV Premio de Novela por Entregas da Voz de Galicia. A arrasadora Beleza vermella, (Galaxia, 2019) publicouse conxuntamente coa tradución da mesma ao castelán, sendo publicada tamén en Italia.