Letras Galegas e Libres

Categoría: Nova

A semana pasada dabamos conta da homenaxe dos tradutores galegos a Marilar Aleixandre e, tamén, das moitas novidades que no eido da tradución estamos a preparar dende a Editorial Galaxia.
Achegamos hoxe a esta web, e nunca mellor sitio foi o apropiado, do proxecto dixital Bitraga, a Biblioteca de Tradución Galega que foi presentado a semana pasada na Universidade de Vigo, unha ambiciosa iniciativa a prol da difusión da tradución galega e da Rede como acubillo e canle comunicativa deses materiais.
O equipo coordinador dos traballos de Bitraga está formado polas profesoras Ana Luna, Iolanda Galanes, Silvia Montero e Aurea Fernández (na imaxe) as cales explicaron que estamos diante dun produto informático que recolle toda a produción deste eido lingüístico dende 1980 até a actualidade. A gran finalidade desta proposta, segundo explicaron, é favorecer na medida do posible o intercambio científico dos datos coas persoas interesadas neste eido do coñecemento, entre os que se atopan tradutores, editoriais, asociacións profesionais ou asociacións de escritores, amais das comunidades académica e investigadora.
A biblioteca recolle 6.000 referencias, incluíndo un motor de procura que posibilita a súa localización atendendo ao título, ao autor ou ao tradutor.
Aínda que a día de hoxe a meirande parte desas referencias son literarias, o proxecto nace con vocación de abrirse a outros moitos tipos de textos.
Un paso adiante da tradución galega que cómpre apoiar.

Comparte nas túas redes sociais ou por email