Chega o mes de xuño, tempo que nos sitúa ás portas do verán.
Dende a Editorial Galaxia, queremos recomendarvos algunhas das lecturas máis interesantes das nosas últimas novidades, para celebrar esta nova época. É complicado escoller cando a oferta é tan diversa e, aínda que todos eles posúen a súa propia maxia, subliñamos os seguintes:
Traducido ao galego por primeira vez da man de Juan Casares Long e José A. González, Os límites do crecemento, é un ensaio que analiza os retos da Humanidade cara ao futuro. A súa primeira edición foi publicada en 1972, nun momento xeneralizado de desilusión e incertezas e tras dúas décadas de crecemento económico extraordinario. O resultado busca alternativas para reconducir a situación na que o mundo se atopaba e atopa, esixindo actuacións con urxencia. Cincuenta anos despois, o resultado reafirma as primeiras liñas de estudo que, este grupo de intelectuais, marcou nos anos 70.
Publicado en Costa Oeste, Erica, de Ana Vigo, é unha historia de fantasía que amosa a importancia de cultivar os soños e traelos á Realidade. A protagonista do libro, que non pode soñar por unha estraña enfermidade, decátase de que ten un talendo natural para xogar cos soños na Realidade. A través das aventuras cos seus novos amigos, Dalia, Hadri e Agata, coñecerá Morfeonía, un mundo paralelo, baixo as ordes da Grande Imperante.
Xesús Rábade Paredes, un dos escritores máis especiais das nosas Letras, recopila en A luz co tempo dentro, as súas memorias, dun xeito singular e personalísimo.
“En certo modo fun sempre un escritor contracorrente, sen concesión a oportunismos, moito menos a modas. Tiven, si, fidelidade obsesiva e consciente a temas e actitudes que deciden por un, ou ben que un non decide, caso da opción irrenunciable á lingua, que usei, promovín e cultivei co esixido decoro”, así comeza Rábades, o primeiro capítulo do libro, “Soleira”, que é toda unha declaración de intencións.
Pertencente á colección Literaria, Unha cervexa Chang, de Manuel Portas, explora mares narrativos que nunca antes navegara, introducíndonos no mundo da investigación pseudodetectivesca, no do comercio ilegal dos tesouros perdidos, nunha trama en que nada é o que a priori pode parecer.
Pola súa banda, Charo Pita, amosa en Retratos en branco e negro, a súa versatilidade como autora, expoñendo e compartindo retratos fantasmais onde o extraordinario e o cotián, a fotografía e a palabra, protagonizados polo branco e negro, van da man para construíren realidades, que apuntan á nosa.
As nosas novidades están destinadas a todos os públicos e sensibilidades. Escribir é compartir, e ler, viaxar. Que mellor maneira de gozar deste novo mes que compartindo o gusto polas viaxes literarias?
E ti? Que lectura escolles?