La Voz entregou onte o Premio Fernández Latorre, instituido en memoria do seu fundador, e que na súa edición número 55 distinguiu o traballo da Editorial Galaxia en favor da lingua e cultura galegas. Un labor que a institución desenvolve desde que foi fundada en 1950 por intelectuais como Ramón Piñeiro, Francisco Fernández del Riego, Xaime Isla ou Domingo García-Sabell. Nas diferentes intervencións fíxose unha mención especial á memoria de Benxamín Casal, anterior presidente da editorial falecido o pasado 30 de agosto e ao que, como recordou o director xeral de Galaxia, Víctor Freixanes, ilusionáballe pronunciar unhas palabras neste acto.
O presidente e editor de La Voz, Santiago Rey Fernández-Latorre, mostrou a súa satisfacción por render homenaxe na edición deste ano «a Galicia». Porque, como matizou, «é diso do que se fala cando se fala de Galaxia», que identifica «ese sentido bo do gran galeguismo, que naceu como raio de esperanza o 25 de xullo de 1950, e continúa hoxe, 63 anos despois, espallando a mesma luz e procurando o mesmo anceio».
Esperanza, dixo, é o que necesita Galicia nun contexto debuxado por feitos como a sentenza do Prestige, destrucións «ás que ninguén pon remedio» como os incendios, a «longa loita para tratar de manter no país unha estrutura financeira propia» ou a «indefendible usurpación» no mundo do fútbol.
Ao espírito dos fundadores de Galaxia aludiu tamén Freixanes. Durante a súa intervención fixo mención aos novos desafíos da cultura galega, nos que hai que pensar como «oportunidades». Ademais recordou que «a crise que estamos a padecer non pode ser un pretexto para quedar desasistidos».
Pechou o acto o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, que aludiu á idea de Galaxia de «acadar unha Galicia sen fisuras, na que a cultura e a lingua fosen un punto de encontro».
Na ligazón á dereita destas páxinas deixamos unha crónica en vídeo da xornada.