A exposición "Francisco Fernández del Riego. Cos ollos do seu espírito" inaugúrase o martes 26 de novembro na cidade olívica. Ese día preténdese conmemorar o Centenario Francisco Fernández del Riego na data que se cumpre o seu terceiro cabodano.
A Fundación Penzol era para Del Riego o seu fogar cultural, el foi o seu director dende a súa apertura, en 1963, ata a ano 2010, xa nonaxenario. A ese labor entregouse con lealdade, xenerosidade e teimosía, polo que esta exposición, que estivo con anterioridade en Santiago de Compostela e Lourenzá, tiña que pechar a súa itinerancia en Vigo, na cidade que o acolleu dende 1939 ata o seu falecemento.
Del Riego tivo unha dilatada e frutífera vida da que se dá conta na exposición. O seu intenso compromiso político-cultural co país, militando dende a mocidade no nacionalismo dende diferentes opcións partidarias (Partido Galeguista, Federación de Mocedades Galeguistas, Partido Socialista Galego…); creando, xunto con Xaime Isla, a Editorial Galaxia; dirixindo, xunto con Ramón Piñeiro, ata o seu número cen a revista GRIAL; sendo presidente da Real Academia Galega (1997-2001) e verdadeiro artífice da súa renovación; escribindo medio cento de libros, maiormente ensaios divulgativos, e innumerables artigos e colaboracións para diferentes revistas e xornais; ditando coa súa afervoada palabra numerosas conferencias.
A exposición achégase ó neno que naceu en Lourenzá e que con 18 anos izou a bandeira de Galicia no balcón do concello o Día da Patria Galega de 1931. Ó mozo que estudou en Santiago de Compostela onde pronunciou na USC, na inauguración do curso 33-34, unhas palabras en nome do estudantado reclamando a galeguización da universidade. Ó profesor de Dereito Civil que foi inhabilitado para a docencia pola ditadura. Ó home que no 39 chega a Vigo, da man de Valentín Paz Andrade, para sobrevivir á posguerra. Del Riego tivo unha intensa vida, boa parte del na cidade de Vigo, que se repasa na exposición a través dunha ducia de paneis e complementadas tamén coas súas respectivas mesas e peanas, que amosan documentación e obxectos varios do devandito persoeiro. Amais recréase o seu despacho, o lugar cotián de traballo.
Tamén se proxectarán dous vídeos e unha longa entrevista feita no seu día na TVG a Del Riego dende e sobre a Fundación Penzol.
FICHA TÉCNICA:
Lugar: Casa Galega da Cultura, Praza da Princesa, 2, Vigo
Datas: 26 de novembro ó 26 de xaneiro de 2014
Organizan: Fundación Penzol e Editorial Galaxia
Patrocina: Xunta de Galicia (Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria)
Colabora: Concello de Vigo
Comisariada: Mª Dolores Cabrera Iglesias, Malores Villanueva Gesteira
HORARIOS:
De luns a venres: de 18 a 21 horas
Sábados: de 12 a 14 e de 18 a 21 horas
Domingos e festivos: de 12 a 14 horas.