John Rutherford, Premio Trasalba 2007

Categoría: Nova

A Fundación Otero Pedrayo quere enaltecer, na figura de John Rutherford, a tradición e o traballo dos profesores que, sen seren de nación galega, veñen traballando polo coñecemento e a difusión da nosa lingua, da nosa literatura e da nosa cultura no mundo, proxectándonos cara á universalidade, tal que preconizaban os pais do galeguismo.

Nesa tradición están algúns dos primeiros descubridores e editores dos nosos cancioneiros medievais a finais do século XIX e nos primeiros anos do século XX (Carolina Michaelis de Vasconcelos, Henry R. Lang, Rodrígues Lapa, Ernesto Monaci, Enrique Molteni, Jose J. Nunes…), mestres da lingüística románica como Joseph Piel, Gustav Gröber, Fritz Krüger ou Dieter Kremer, historiadores e críticos literarios como Giuseppe Tavani, Giulia Lanciani, Anna Ferrari, Elsa Gonçalves, etc., e mais as novas xeracións de profesores e investigadores, que formados na escola dos primeiros e nos centros de estudos galegos de Europa e de América, incorporan nova xeira á tradición: David Mackenzie, Derek Flitter, Kirsty Hooper, Craig Patterson…

John Rutherford é na actualidade profesor no Queen’s College da Universidade de Oxford e presidente do Centro de Estudios Galegos desa universidade británica. Foi fundador e presidente da Asociación Internacional de Estudos Galegos, que reúne estudosos de arredor de 50 universidades de todo o mundo interesados na nosa lingua e na nosa literatura. Traduciu e difundiu en inglés a obra de varios autores galegos, dende Castelao a Xosé Luís Méndez Ferrín, e orientou os seus estudos a descubrir as raiceiras galegas de moitas manifestacións do hispanismo.

O Premio Trasalba, que na edición 2006 foi concedido ao grupo Milladoiro, entrégase todos os anos na festa literaria que se celebra na Casa Grande de Cimadevila, no concello de Amoeiro, Ourense, o derradeiro domingo de xuño (nesta ocasión será o 24 de xuño, día de San Xoán).

Premios Trasalba

1983. Xaquín Lorenzo Fernández (+)
1984. Isidro Parga Pondal (+)
1985. Antonio Fraguas Fraguas (+)
1986. Valentín Paz Andrade (+)
1987. Ramón Martínez López (+)
1988. Francisco Fernández del Riego
1989. Miguel Anxo Arauxo Iglesias
1990. Xosé Fernando Filgueira Valverde (+)
1991. Lois Tobío Fernández (+)
1992. Xaime Isla Couto
1993. Isaac Díaz Pardo
1994. Marino Dónela Rozas (+)
1995. Francisco Xavier Río Barxa
1996. Pura Vázquez Iglesias (+)
1997. Raimundo García Domínguez "Borobó" (+)
1998. Ricardo García Suárez. "Xohán Ledo" (+)
1999. Carlos García Martínez
2000. Xesús Alonso Montero
2001. Xosé Luis Méndez Ferrín
2002. Augusto Pérez Alberti
2003. Andrés Torres Queiruga
2004. Xosé Neira Vilas
2005. Agustín Sixto Seco (+)
2006. Milladoiro
2007. John Rutherford

Comparte nas túas redes sociais ou por email