Dende o ano 1951 Editorial Galaxia atendía ao seu público, autores e colaboradores nos locais da rúa Reconquista, 1, entrechán, na cidade de Vigo. Alí medrou a editora da man de Francisco Fernández del Riego e Xaime Isla Couto (coa dirección literaria de Ramón Piñeiro dende Santiago de Compostela) e posteriormente con Carlos Casares, ata 2002.
Dende hai uns meses Editorial Galaxia instalouse na Avenida de Madrid, nun espazo de dúas plantas e arredor de 400 metros cadrados nos cales dá cabida ás súas novas necesidades de crecemento, entre outras MERLIN COMUNICACIÓN S.L., recentemente constituída.
Dende estas novas instalacións xestiónanse, ademais, parte das tres Fundacións que actúan culturalmente na órbita da Editora: a Fundación Penzol (1963), a Fundación Otero Pedrayo (1979) e a Fundación Isla Couto (1987).
Na sede da rúa Reconquista permanecerá o fondo histórico da editora, cunha área de estudos e parte significativa dos fondos documentais e bibliográficos de Xaime Isla Couto, actual presidente de Galaxia e un dos seus fundadores.