Jesús Curros Neira inaugura o palmarés do Premio de Ensaio Camiño de Santiago.
O funcionario compostelán concorreu ao novo certame da Academia Xacobea coa obra Escenas, Imágenes y Sonidos del Camino.
A primeira edición do Premio de Ensaio Camiño de Santiago, convocado pola Academia Xacobea coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Universidade e a Editorial Galaxia, e co patrocinio de Aluminios Cortizo, estreouse cunha boa acollida e un gran nivel de calidade. Un total de 7 obras enviadas, desde distintos puntos de España, concorreron a este certame co que a entidade con sede en Santiago de Compostela afonda no seu afán de darlle presenza ao Camiño e ao fenómeno xacobeo no eido da literatura.
Tras examinar e valorar todas as obras, o xurado acordou por unanimidade conceder o galardón a Escenas, Imágenes y Sonidos del Camino, o orixinal presentado polo funcionario da Administración local compostelá Jesús Curros Neira. O xurado valorou a súa “posta en valor da visión e do aproveitamento de todo o relacionado co tema Xacobeo desde distintos ángulos culturais”, nun texto “elegantemente escrito, de fácil e amena lectura que, sen dúbida, captará a atención do lector desde as primeiras páxinas. A arquitectura, a literatura, non só a galega e española, senón toda a literatura universal, pasando pola música, tanto sagrada como profana, o cine, e xéneros como o tebeo, o cómic ou a banda deseñada danse cita nesta magnífica obra de ensaio.
Para Curros Neira, licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela, este non é o seu primeiro galardón na literatura. Con anterioridade xa fora premiado noutros certames como o Vieiragrino (2017), en Valencia, polo relato La leyenda del diablo que viajaba en autobús. Nese mesmo ano recibe pola súa novela curta La Isla de hierro, o premio Santoña… la mar. Outros tres relatos seus, “Desde un autobús”, “A las dos en punto de la tarde” e “Carretera a ninguna parte”, resultaron premiados no ano 2018 no XIII Concurso de Relatos de Viaxe da editorial Moleskin. En xuño do 2019 gaña o 10º Premio Internacional de Novela “Alcorcón Siglo XXI” coa novela Hubo un tiempo mágico y distante. Tamén ten publicados outros ensaios como Compostela, mil años de literatura, no 2014, ou La evolución urbana de Santiago de Compostela, de 2017.
O presidente da Academia Xacobea, Xesús Palmou, como presidente do xurado; o decano de Filosofía, Marcelino Agís; María Josefa Sanz Fuentes, catedrática de Ciencias y Técnicas Historiográficas da Universidade de Oviedo; Eduardo López Pereira, catedrático de Filoloxía Latina da Universidade da Coruña; Francisco Castro, director de Galaxia, e o académico Ulises Bértolo, que actuou como secretario sen voto, foron os integrantes do xurado.
O gañador recibirá un premio económico de 3.000 euros e verá a súa obra publicada nunha edición bilingüe en galego e castelán.
A Academia Xacobea valora de xeito moi positivo a resposta dos autores á convocatoria deste novo galardón de ensaio, tal e como sucedera xa no seu día cos premios de Novela e de Poesía Camiño de Santiago.