O sábado 25 de outubro, e coa colaboración da Editorial Galaxia entre outras entidades, terá lugar o IV Festival Kerouac, Polipoético de Vigo. Organizado polo espazo de lecer e cultura A Festa dos Maniquíes, coa participación de poetas e artistas de toda Galicia e resto de España. O evento desenvólvese no propio local da Festa dos Maniquíes, na rúa Rogelio Abalde 11, no barrio de Churruca, e na Galeria Ad hoc, na rúa Joaquín Lóriga. Ás 17:30 para pais e nenos, e desde as 19:30h ata a 1:30 da madrugada para curiosos e nocturnos, poderase ver e escoitar poesía, música, performances e outras formas de expresión poética.
Xa no seu cuarto ano consecutivo, o Festival Kerouac vai crecendo en calidade de artistas e respaldo de público e medios. Na edición do 2013 enchéronse os dous espazos participantes, cunha afluencia de público total de case 300 persoas, o que supón todo un éxito para un festival destas características.
O sábado 25 de outubro, os poetas invadirán as rúas de Vigo, nunha mostra do que se fai aquí e o que se fai fóra. Un sopro de aire fresco ou un encontro de inquedos axitadores que amosrarán as súas distintas formas de pensar, de sentir e comunicarse.
Entre outros poetas, recitarán Ruth Oliveira, escritora e blogueira, a poetisa Silvia Penas e a dramaturga Iría Pinheiro, "Guilherme e Bastardo", o proxecto de Xurxo Novoa e Alfredo Dourado que nace dos poemas de Cunqueiro, reelaborando e reinterpretando ritmos e estilos, desde o funky dos 60 ás sonoridades lusófonas, o escritor e editor Francisco Castro.