O Centro Cultural Marcos Valcárcel acolle esta mostra que salienta o papel clave de Ourense na orixe e traxectoria de Galaxia.

Otero Pedrayo foi o primeiro presidente da editorial e Carlos Casares desempeñou un papel esencial como autor e director.
Este martes, celebrouse, ás 11:30 h, no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense a inauguración da exposición “Galaxia–Auria. 75 anos despois (1950–2025)”, no marco das actividades conmemorativas do 75 aniversario da Editorial Galaxia.
A mostra, comisariada pola profesora e investigadora Patricia Arias Chachero, propón un percorrido pola vinculación histórica entre Editorial Galaxia e a provincia de Ourense, que xogou un papel fundamental no desenvolvemento da cultura galega contemporánea. A través de catorce capítulos temáticos, preséntanse nomes, lugares e publicacións que testemuñan esta relación singular, desde figuras como Ramón Otero Pedrayo, Blanco Amor, Carlos Casares ou Chus Pato, ata voces actuais como Cristina Pato, Arancha Nogueira ou Alba Garrido.
A exposición poderá visitarse do 29 de xullo ao 24 de agosto de 2025, todos os días da semana, incluídos os festivos, en horario de 11:00 a 14:00 horas. A entrada é de balde.
Organizada coa colaboración da Deputación Provincial de Ourense, a mostra destaca a presenza ourensá nos fitos máis relevantes da historia da editorial: no primeiro consello de administración, na dirección de proxectos, ou na creación de institucións culturais como a Fundación Otero Pedrayo. Tamén salienta a contribución de distintos concellos ourensáns á historia editorial: A Gudiña ou os comezos da literatura infantil, Xinzo de Limia e a nova narrativa galega, Celanova e a poesía sociorealista, os estudos da lingua desde o Ribeiro, O Barco de Valeorras e os traballos dende o exilio; Verín e o estudo científico da etnografía e a cultura popular.

Na inauguración interviron Francisco González Bouzán, director do Centro Cultural Marcos Valcárcel; Patricia Arias Chachero, comisaria da exposición; Antón Vidal Andión, presidente do Consello de Administración de Editorial Galaxia; e César Manuel Fernández Gil, vicepresidente segundo da Deputación Provincial de Ourense.
Esta exposición insírese na programación do 75 aniversario da Editorial Galaxia, unha iniciativa que reivindica a memoria cultural galega ao tempo que crea porvir.