Inauguración da exposición "Galicia 25" en Lugo

Categoría: Nova

A exposición "Galicia 25. Unha cultura para un novo século" que está a itinerar por toda Galicia e que conmemora os 25 anos do Consello da Cultura Galega, abrirá mañá as súas portas en Lugo, no Sala de Exposicións do Pazo de San Marcos.

Organizada polo Consello da Cultura Galega, en colaboración con Caixanova, percorreu xa Vigo, Pontevedra, Ferrol, Santiago de Compostela e Ourense. En Lugo poderá verse ata o 19 de xullo.

A mostra, que se presenta como "un escaparate da cultura galega", está comisariada por Víctor F. Freixanes, Iago Seara e Henrique Monteagudo. A exposición estrutúrase arredor das denominacións "formas e espazos", "palabras, imaxes e sons" e "fíos e desafíos". Galicia 25. Unha cultura para un novo século aborda temáticas como arquitectura e identidade, cultura ambiental, espazos da comunicación, deseño e industria, historias debuxadas, o valor do patrimonio, a creación, a sociedade do coñecemento, os sons do lugar, o territorio luminoso das palabras, a festa dos máis novos, o libro, imaxes e ficcións, artes escénicas e as diferentes posibilidades e presenzas de Galicia no mundo.
Desde a nosa web podes descargar os paneis da exposición e o libro conmemorativo da exposición.

Comparte nas túas redes sociais ou por email