A exposición GALICIA 25 que conmemora o cuarto de século do Consello da Cultura Galega e que xa itinerou pola práctica totalidade das cidades galegas, abre hoxe na cidade herculina.
O acto de inauguración contará coas intervencións do presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, o director da Obra Social de Caixanova, Guillermo Brea, Iago Seara, en representación dos comisarios da exposición, e a Concelleira de Cultura do Concello da Coruña, María Xosé Bravo.
Na exposición, dunha alta compoñente interactiva, pásase revista aos distintos sectores implicados na creación cultural galega ao longo destes 25 anos de existencia do Consello da Cultura Galega, nunha mostra que permitirá, ao visitante, comprender o moito que, a ese nivel, cambiou este país, e para mellor.
Unha cita ineludible para comprendérmonos en todas as nosas dimensións.