O mércores 9 de abril, ás 12:00 h, celebrouse na Sala de Exposicións do Pazo de San Marcos, en Lugo, a inauguración da exposición CREAR PORVIR. 75 ANIVERSARIO DE EDITORIAL GALAXIA, un proxecto que percorre a historia viva da literatura galega e abre unha fiestra esperanzada cara ao futuro da nosa cultura. Esta mostra, comisariada por Henrique Monteagudo, María Dolores Villanueva e Xosé Manuel Dasilva, chega a Lugo tras a súa primeira parada en Santiago de Compostela, continuando así o seu percorrido polas sete cidades galegas ao longo de 2025.
A exposición articúlase en catro bloques temáticos que convidan a quen a visite a mergullarse na literatura galega desde o Rexurdimento ata a xeración do novo milenio, pasando polo ensaio e o pensamento contemporáneo, a tradución e a proxección internacional da nosa lingua, e a literatura infantil e xuvenil, á que Editorial Galaxia dedicou especial atención desde os seus primeiros anos. Ao longo do percorrido, nomes esenciais como Castelao, Otero Pedrayo, Eduardo Blanco Amor, Xohana Torres, Carlos Casares, Fina Casalderrey, Manuel Rivas, Yolanda Castaño ou Marilar Aleixandre entretecen a memoria literaria e construen o relato dunha cultura viva e en permanente evolución.
O deseño expositivo, a cargo do estudo Desoños, propón unha viaxe no tempo a través de estruturas móbiles e dinámicas que acompañan o público nun paseo envolvente entre libros, autores e momentos clave. Completando a experiencia, unha peza audiovisual dirixida por Ana Viqueira e producida por Nós TV recolle as voces de destacadas personalidades vinculadas á historia da editorial, ofrecendo unha ollada íntima e plural ao labor de Galaxia ao longo de tres cuartos de século.


A exposición poderá visitarse en Lugo ata o 11 de maio, en horario de luns a sábado, de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:30 horas, festivos incluídos. A entrada é de balde. Para asistir ao acto inaugural, é preciso confirmar asistencia antes do martes 8 de abril, ás 14:00 horas, a través do correo comunicacion@editorialgalaxia.gal, dado que o aforo é limitado.
Crear porvir. 75 aniversario de Editorial Galaxia é un proxecto que conta co apoio da Xunta de Galicia, Afundación, Caixa Rural Galega, Deputación Provincial de Lugo e Fundación Luís Seoane, e que ao longo deste ano percorrerá Galicia, facendo escala nas principais cidades e achegando a toda a cidadanía o legado e a visión de futuro dunha editorial que, desde 1950, traballa pola dignidade, a normalización e a proxección da nosa lingua e cultura.
