Henrique Monteagudo, novo presidente da Real Academia Galega

Categoría: Nova

A Real Academia Galega inicia unha nova etapa da man de Henrique Monteagudo (Muros, 1959), quen vén de ser elixido presidente pola unanimidade do seu pleno. O catedrático de Filoloxía Galega na Universidade de Santiago de Compostela e recoñecido estudoso da historia social da lingua galega, asume así a responsabilidade de guiar a institución nun período que combina continuidade e novo pulo.

Monteagudo, que durante anos coordinou o Seminario de Sociolingüística e ocupou cargos executivos na Academia, reafirma o seu compromiso coa defensa do idioma, consciente da “necesidade imperiosa” de reforzar a súa presenza na sociedade actual. Baixo a súa presidencia, a RAG seguirá apostando por iniciativas propositivas, a colaboración coa sociedade civil e a creación de novas ferramentas lingüísticas en liña, sempre coa mirada posta no futuro e na mocidade.

Autor dunha obra de referencia para entender a realidade do noso idioma, como Historia social da lingua galega (Galaxia, 1999) ou Castelao. Defensa e ilustración do idioma galego (Galaxia, 2000), Monteagudo sitúase na primeira liña da reflexión sobre a lingua, cunha traxectoria avalada pola súa actividade académica e pola súa achega continuada á cultura galega desde proxectos como Grial. Revista Galega de Cultura, que dirixe.

Desde Editorial Galaxia celebramos con profunda satisfacción este nomeamento, convencidos de que Henrique Monteagudo, persoa de sólida traxectoria e compromiso co país, saberá fortalecer o labor da Academia.

Unha nova etapa ábrese para a lingua galega, da man dun dos seus máis lúcidos defensores.

Comparte nas túas redes sociais ou por email