Inauguración da exposición “Crear Porvir. Editorial Galaxia (1950-2025)”, en Ferrol

Categoría: Nova

O xoves 3 de xullo, celebrarase, ás 19 h, na sala de exposicóns de Afundación de Ferrol, a inauguración da exposición Crear porvir. Editorial Galaxia (1950-2025).

No acto participarán Verónica Rego López, Coordinadora Relacións Institucionais de Afundación; Xavier Alcalá, autor de Editorial Galaxia; José Antonio Ponte-Far, concelleiro de Cultura do Concello de Ferrol; Severino Álvarez, director territorial da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude; e Antón Vidal Andión, Presidente do Consello de administración de Editorial Galaxia.

Xesús Domínguez Dono, director de Produción de Editorial Galaxia e coordinador da exposición, fará unha visita comentada da mostra.

Entrada libre ata completar a capacidade.

Estará dispoñible ata o 30 de xullo.

Con motivo da celebración do 75 aniversario de Editorial Galaxia, ponse en marcha a exposición itinerante “Crear porvir. 75 aniversario Editorial Galaxia”, unha mostra que percorre a historia da editorial, desde a súa fundación en 1950 ata a actualidade, salientando o seu papel clave na evolución cultural da Galicia contemporánea e a súa proxección exterior.

A exposición “Crear porvir. 75 aniversario Editorial Galaxia” inaugúrase o xoves 3 de xullo, ás 19:00 horas, na Sala de Exposicións de Afundación, en Ferrol.

A exposición “Crear porvir. 75 aniversario Editorial Galaxia”, está comisariada por un equipo de referencia no ámbito dos estudos académicos en Galicia e a nivel internacional, dirixido polo catedrático da Universidade de Santiago de Compostela, director da Cátedra Castelao, da revista Grial, recén nomeado presidente da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo, acompañado pola profesora de literatura galega, Malores Villanueva Gesteira e polo catedrático da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, Xosé Manuel Dasilva Fernández.

Neste proxecto destácase o labor de autoras e autores, como Castelao, Otero Pedrayo, Eduardo Blanco Amor, Paco Martín, Xohana Torres, Carlos Casares, Fina Casalderrey, Manuel Rivas, Yolanda Castaño, Paula Carballeira, Domingo Villar, Xesús Fraga, Xosé Manuel Núñez Seixas, Marilar Aleixandre…; editores, como Carlos Casares e Víctor F. Freixanes…; e fundadores da editorial, como Otero Pedrayo, Ramón Piñeiro, Xaime Isla Couto e Francisco Fernández del Riego; ademais de títulos que axudaron a conformar o panorama literario de Galicia, configurando unha visión global da edición galega durante o franquismo e a democracia.

A mostra articúlase en catro bloques temáticos que convidan a percorrer a literatura e os seus autores e autoras, desde o Rexurdimento ata a xeración do novo milenio; o ensaio e o pensamento galegos, con estudos sobre a lingua, a historia, a sociedade e a ecoloxía, así como proxectos de referencia como a revista Grial; a tradución e a proxección internacional, co galego como lingua de recepción e creación universal; e a literatura infantil e xuvenil, onde Galaxia foi pioneira con coleccións e espazos dirixidos ao público máis novo. A exposición conta tamén cun espazo para público infantil que convida a ler e gozar da edición para as idades máis novas.

O deseño expositivo correu ao cargo do estudo Desoños, que propón unha sorte de bosque de estruturas móbiles onde se sinalan dun xeito visual e dinámico os nomes, publicacións e feitos singulares desta traxectoria. As estruturas van precedidas dun túnel do tempo, cos fitos máis salientables destes 75 anos. O deseño expositivo cumpre, ademais, o reto de adaptarse ás distintas sedes onde se vai instalar.

Outro aspecto a salientar é que se pode gozar, formando parte da exposición, dunha peza audiovisual, dirixida por Ana Viqueira, e producida por Nós TV, que recolle testemuños de personalidades vinculadas a Editorial Galaxia sobre a súa produción literaria.

No acto de inauguración, participarán Verónica Rego López, Coordinadora Relacións Institucionais de Afundación; Xavier Alcalá, autor de Editorial Galaxia; e Antón Vidal Andión, Presidente do Consello de Administración de Editorial Galaxia.

Xesús Domínguez Dono, director de Produción de Editorial Galaxia e coordinador da exposición, fará unha visita comentada da mostra.

A exposición permanecerá aberta ata o 30 de xullo de 2025.

A exposición “Crear porvir. 75 aniversario de Editorial Galaxia” percorrerá Galicia ao longo de 2025, facendo escala nas sete grandes cidades galegas. Despois de arrancar no mes de marzo en Santiago de Compostela, continúa en abril e maio no Pazo Provincial de Lugo; e en maio e xuño na Sede de Afundación de Ourense. En xullo, a mostra chega a Ferrol, tamén na Sede de Afundación, e, tras o verán, instalarase en setembro e outubro no Café Moderno de Pontevedra. A Coruña acollerá a exposición entre outubro e novembro na Fundación Luís Seoane, rematando o seu itinerario en Vigo, onde poderá visitarse entre decembro de 2025 e xaneiro de 2026 na Sede Afundación da cidade.

Esta mostra conta co apoio da Xunta de Galicia e Afundación.

Ao longo destes 75 anos, Galaxia publicou preto de 3.500 títulos, con obras de máis de 1.500 autoras e autores, consolidándose como proxecto esencial para a edición en lingua galega, nunha aposta firme pola dignidade e a normalización da nosa lingua e cultura. A singularidade deste empresa radica no seu compromiso político e cultural e no feito de que inviste os seus beneficios na propia editorial. Ao longo da súa traxectoria, recibiu galardóns tan relevantes como a Medalla de Ouro de Galicia e o Premio da Cultura Galega, en recoñecemento á súa contribución á nosa identidade e á modernización cultural, ademais de contar con numerosos premios nacionais, que poñen en valor a nosa creación literaria.

Datos de interese Apertura: de luns a venres. Horario: 10:00 h – 14:00 h e 17:00 – 20:00 h. Sábados. Horario: 11:00 h – 14:00 h e 17:00 h – 19:00 h. Entrada de balde. Sala de Exposicións da sede Afundación, Praza da Constitución, s/n. Ferrol.

Comparte nas túas redes sociais ou por email