Inaguración da exposición UNHA OBRA PARA UN PAÍS FERMÍN PENZOL (1901-1981) / FRANCISCO FERNÁNDEZ DEL RIEGO (1913-2010) en Santiago de Compostela

Categoría: Nova

A exposición "Unha obra para un país. Fermín Penzol (1901-1981) / Francisco Fernández del Riego (1913-2010)" pretende conmemorar dúas importantes efemérides que se celebran neste ano 2013: O Cincuentenario do nacemento da Fundación Penzol e mais o Centenario do nacemento de Francisco Fernández del Riego.

A Fundación Penzol constitúese en Vigo en abril de 1963 e, un mes máis tarde, abría as súas portas a biblioteca do mesmo nome no número 24 da rúa Policarpo Sanz da cidade olívica. A existencia da mesma foi posible grazas á xenerosidade de Fermín Fernández Penzol-Labandera, o xeneroso bibliófilo e galeguista, nado en Sahagún de Campos en 1901 e falecido en Santiago de Compostela en 1981, quen dende mozo comezou a arrecadar todo canto libro, publicación ou documentación varia existía naquela altura sobre Galicia, chegando a conformar, co percorrer dos anos, unha das coleccións persoais máis completa sobre a memoria escrita de nós.

Consciente do valor e da utilidade destes fondos na plenitude da súa vida decide doalos a Galicia. A doazón materialízase na creación dun centro para o estudo e a investigación da historia e dos problemas da realidade cultural e social galega…, tal que reza na acta de constitución da fundación que leva o seu nome. Por afinidade de compromiso e militancia galeguista, confía o depósito, custodia e administración dos mesmos á Editorial Galaxia, actuando como receptor o presidente da mesma, Ramón Otero Pedrayo.

Ao longo destes cincuenta anos este rico patrimonio fundacional foise incrementado e arrequecendo con numerosas e sucesivas achegas de particulares e entidades, públicas e privadas, tanto de dentro como de fóra do país, nomeadamente do mundo lusófono.

Dende a súa apertura e ata o 2010, xa nonaxenario, exerceu de director do centro Francisco Fernández del Riego, o outro nome propio que hoxe celebramos e que, con total lealdade e teimosía, preservou durante todo ese tempo a institución cultural encetada por Penzol.

Pero Del Riego, ao longo da súa dilatada e frutífera vida, salientou ademais polo seu constante compromiso político-cultural co país, militando dende a mocidade nas máis das sucesivas etapas ou opcións galeguistas (PG, FMG, PSG, CDG,…); contribuíndo, xunto a Xaime Isla e Ramón Piñeiro, á creación e desenvolvemento da Editorial Galaxia; dirixindo ata o seu número cen a revista GRIAL; escribindo medio cento de libros, maiormente ensaios divulgativos, e innumerables artigos e colaboracións para diferentes revistas e xornais; ditando, enfin, coa súa afervoada palabra numerosas conferencias.

………………………………………………………..

Esta dupla exposición que hoxe se trae a Fonseca distribúese en dous espazos que se complementan:

-No Salón do Artesonado pode percorrerse ao longo de 15 paneis informativos a vida de Fermín Penzol, a historia da súa fundación, a posta en valor dos seus fondos e unha breve presentación da institución na actualidade. Como complemento, nas diversas mesas e peanas pode apreciarse unha selecta mostra deste valioso patrimonio bibliográfico-documental. O denominado "recanto do bibliófilo" recrea este espazo tan frecuentado e querido por Penzol, cos seus propios mobles, libros e obxectos diversos.

-Na Capela gótica, seguindo un esquema similar aínda que con deseño diferente, o centro de interese é a figura e obra de Francisco Fernández del Riego. Presentadas, de novo, a través dunha ducia de paneis e complementadas tamén coas súas respectivas mesas e peanas, que amosan documentación e obxectos varios do devandito persoeiro. Nesta ocasión recréase o seu despacho ou lugar cotián de traballo.

En ámbolos dous espazos poden ser visionados dous vídeos. E na sancristía pode verse, a xeito de colofón ou elo común, unha longa entrevista feita no seu día na TVG a Del Riego dende e sobre a Fundación Penzol.

DATOS TÉCNICOS:

Lugar: Pazo de Fonseca. Praza de Fonseca s/n. Santiago de Compostela
Datas: 8 de xullo 2013 – 2 de setembro de 2013
Promove: Fundación Penzol
Patrocinan: Xunta de Galicia (Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria) e Universidade de Santiago de Compostela (Consello Social)
Comisariado: Mª Dolores Cabrera Iglesias, Henrique Monteagudo Romero, Mª Dolores Villanueva Gesteira

Comparte nas túas redes sociais ou por email