Esta tempada as augas do idioma noso baixan un tanto toldadas polas campañas político-mediáticas na súa contra, que acaban por ter efectos perniciosos en sectores sociais máis ou menos amplos. Estas campañas lémbrannos que sectores moi minoritarios, pero moi poderosos, da sociedade galega, os mesmos que historicamente encabezaron o proceso de castelanización do noso país, continúan con vontade belixerante, e que doutra banda os preconteptos lingüísticos que convidan á desafección pola lingua e a identidade propias están máis fondamente arraizados nalgunhas camadas sociais do que poderiamos sospeitar. Ao mellor levaban moito tempo agochados pola emerxencia dun discurso público ‘politicamente correcto’, pero abondaron uns cantos abalóns para que rexurdisen en toda a súa laida disonancia e desacougante crueza.
Ante isto, os galeguistas temos que conservar a cabeza fría, revisar a nosa análise da realidade sociolingüística de Galicia, o noso proxecto de normalización do galego (perfectamente compatible coa convivencia amable entre as linguas e os seus falantes), e mailas estratexias de difusión e defensa das nosas propostas cara ao conxunto da sociedade. Debemos refugar os catastrofismos que veñen da man de malas novas (moitas veces falsas ou distorcidas), e considerar serenamente se o que agora procede é turrar máis da corda, ou ben prepararnos devagar e con firmeza para gañar unha batalla máis a prol da lingua.