Este luns preséntase aos medios de comunicación en vigo a película A praia dos afogados, versión cinematográfica da exitosa novela de Domingo Villar que chegará ás carteleiras de todo o Estado o próximo 9 de outubro.
Dirixida por Gerardo Herrero e guionizada polo propio Domingo Villar xunto a Felipe Vega, a película foi rodada en Vigo, Nigrán, A Guarda e O Rosal. Protagonízaa Carmelo Gómez, acompañado por Antonio Garrido e por Luis Zahera, Fernando Morán, Deborah Vukusic, Carlos Blanco, Celia Freijeiro, Celso Bugallo, Pedro Alonso e Tamar Novas. A praia dos afogados rodouse en castelán e en galego e chegará ás salas nos dous idiomas. Prodúcena Foresta Films, Tornasol Films, Foresta Films e Milou Films, coa participación de TVE e TVG e a colaboración da AGADIC.
A historia parte dun descubrimento estarrecedor. Unha mañá, o cadáver dun mariñeiro é arrastrado pola marea ata unha praia da vila de Panxón, na ría de Vigo. Se non fose porque ten as mans atadas cunha brida de plástico, Xusto Castelo había ser outro mariñeiro que encontrou a súa tumba entre as ondas mentres pescaba. Sen testemuñas nin rastro da embarcación do finado, o lacónico inspector Leo Caldas mergúllase no ambiente mariñeiro para tratar de clarexar o crime entre homes e mulleres que recean de desvelar as súas sospeitas e que, cando deciden falar, apuntan nunha dirección insólita de máis. Un caso difícil para Caldas, que pasa malos momentos: o único irmán do seu pai está enfermo de gravidade. Tampouco non facilita as cousas o carácter arroutado de Rafael Estévez, o seu axudante aragonés, que non se dá adaptado á retranca e os sobreentendidos dos galegos.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR