Hoxe cúmprense 60 anos da publicación de MEMORIAS DUN NENO LABREGO

Categoría: Evento

“Eu son… Balbino. Un rapaz da aldea. Coma quen di, un ninguén. E ademais, pobre”
Así é como comeza Memorias dun neno labrego, un dos clásicos da narrativa galega contemporánea, autoría de Xosé Neira Vilas. Hoxe, cúmprense 60 anos da súa publicación.
O autor plasmou neste libro o sentir de Balbino, un rapaz de aldea que emprega o seu caderno para contar o que lle acontece e o que sente. Enmarcado nun tempo caracterizado pola emigración e a miseria, este título é moito máis ca un libro, é unha obra que conta a Galicia do século XX e a realidade de multitude de persoas que se senten identificadas con Balbino e coa súa historia.
O noso pequeno protagonista conta, a través da súa visión particular, a realidade dunha Galicia azoutada pola fame, o traballo escravo e a emigración. Verbas que trasladan aos lectores á realidade dunha época dende os ollos dun neno que ten o peto cheo de soños.
Xosé Neira Vilas é sen dúbida un dos escritores máis sobranceiros do noso país. A súa vida e a súa obra están marcadas pola emigración, que el viviu en primeira persoa en Arxentina e Cuba. Dese sentir nace este libro.
Non perdades a oportunidade de ler esta alfaia da literatura galega!

Comparte nas túas redes sociais ou por email