Hai moito que agasallar este día de Reis

Categoría: Evento

Achégase o día de Reis, unha festividade na que compartir e agasallar son verbos protagonistas. Hai moitas opcións e moi variadas para transmitir o noso agarimo aos nosos seres queridos. Que mellor maneira de facelo que agasallando libros? Portas máxicas que fan que viaxemos e conectemos con outras persoas, tempos e sentimentos.
Velaquí algunhas recomendacións:
-“PANGALAICA. RECORTES PODEROSOS“, de Xurxo Souto.
Petiscos literarios que constrúen toda unha cosmovisión. Persoas e historias marabillosas que Souto foi coñecendo, desde que, hai trinta anos, comezou a percorrer o país co primeiro disco dos Diplomáticos de Monte-Alto.
-“ILLA DECEPCIÓN“, de Berta Dávila.
A protagonista desta novela, gañadora do Premio de Narrativa breve Repsol 2020, expándese en dúas direccións aparentemente opostas: a do vencello cotián co seu fllo durante o confnamento e a do resto daquela nena que aínda perdura na súa imaxinación. Cunha voz inconfundible, penetrante, orixinal e ao tempo case delicada, Berta Dávila narra a historia dunha memoria que rescata o presente.
-“ALBA DE GRORIA“, de Castelao, ilustrado por Ana Santiso.
A Editorial Galaxia publica unha nova edición ilustrada de Alba de Groria, de Castelao, no centenario da Xeración Nós da que Castelao foi un dos seus membros máis senlleiros. A recoñecida artista Ana Santiso recrea os personaxes dos que fala o rianxeiro no seu célebre derradeiro discurso. Un texto no que desfilan todas as grandes personalidades da historia de Galicia.
-“ATLAS“, de Alba Cid.
Recoñecida desde moi nova en moitos certames poéticos, Alba Cid vén de gañar o Premio Nacional de Poesía Xove ‘Miguel Hernández’ con Atlas. Unha obra singular na que a palabra e a imaxe viaxan da man canda a ollada asombrada da poeta. Etimoloxías, historias naturais, prácticas culturais diversas… Unha nova cartografía. Un novo planeta.
-“RAMONA ÓRBITA. A DONA DO TEMPO“, de Pakolas.
Unha opción estupenda para os máis cativos e cativas da casa. Un novo libro que mestura rock e as fermosas ilustracións de Laura Romero para contar a historia de Ramona Órbita, unha muller labrega do Courel, posuidora dunha horta cibernética e unha perfeccionada máquina do tempo. Con ela marcharemos de viaxe pola Prehistoria, o Medievo, o Renacemento, pola China Imperial, ou mesmo ao futuro, con moitas aventuras, personaxes e peripecias que gustarán por igual á xente miúda e a adultos.
-“O NARIZ DE FIZ“, de Miro Villar.
Un libro que pon en valor a diferenza para que os máis pequenos comprendan que todas e todos temos algunha característica que nos fai únicos. E na diversidade está a riqueza. O noso protagonista, Fiz, vive nunha aldea da montaña da Galicia rural. É unha criatura pequerrechiña e miudiña, pero posúe unha estraña habelencia que o vai converter en protagonista de emocionantes aventuras. Neste fermoso libro escrito por Miro Villar e ilustrado por Emanuel Lomeña poderedes acompañar o pequeno Fiz nas súas peripecias.
Lede moitos libros e soñade, en galego.

Comparte nas túas redes sociais ou por email