Hoxe, martes 21 de xuño, celebramos o Día Europeo da Música, unha data que busca festexar a paixón pola música, un verdadeiro bálsamo para a vida.
Fundamental e sanadora, é unha ferramenta que enriquece o noso día a día, a través da súa maxia e sonoridade. Para conmemorar a efeméride, dende a Editorial Galaxia queremos recomendarvos algunhas das nosas novidades máis musicais:
Publicadas na colección Reportaxe, Discoteca Atlántica, de Marcos Gendre, e Suso Vaamonde. A canción libre e comprometida dun pobo, de Fernando Fernández Rego, son algunhas das nosas derradeiras publicacións con máis historia.
Marcos Gendre, convida ás lectoras e lectores a unha travesía polo labirinto identitario da vangarda musical galega. Estuda, dende fenómenos como Andrés do Barro ata Malandrómeda, o panorama musical imperante no país, analizando os pioneiros que sentaron as bases, e o prolífico presente musical do que goza a nosa terra.
Pola súa banda, Fernando Fernández Rego, plasma en Suso Vaamonde, a biografía dun artista clave na historia. Analiza o seu papel no panorama galego, así como controvertibles episodios que provocaron o seu exilio e o seu paso polo cárcere. Vaamonde foi o primeiro músico condenado pola censura na democracia.
El foi o primeiro que musica poemas en galego e os populariza, o primeiro que fai discos en galego para nenas e nenos ou, como produtor, rescatando a música popular das tabernas. O seu legado continúa vivo e de plena vixencia, e así seguirá durante moitos anos. Xeración tras xeración novos músicos recollen a súa semente e fan que a chama siga prendendo no público. Porque como cantaba Bibiano: “Somentes morren aqueles que non deixan semente”.
Se queredes descubrir a que soa Vigo, non vos perdades Son da cidade. O libro da música viguesa do noso século, de Pablo Vázquez, ilustrado por Denis Carballás.
Dunha maneira visualmente atractiva, amena e accesible a todo tipo de públicos, os autores, achegan ás lectoras e lectores, á movida viguesa. Dende o rock ao trap, pasando polo folk, reggae e jazz, nas súas páxinas altérnanse textos, debuxos e material gráfico sobre case cincuenta artistas locais que representan a súa ampla e variada escena musical.