Hoxe celebramos a nosa cultura

Categoría: Nova

Este xoves 25 de xullo celebramos o Día de Galicia, o amor pola nosa lingua, cultura e, en definitiva, a nosa identidade como pobo.

Un orgullo de pertenza que festexamos cada día, a través da nosa filosofía, publicacións e idea de futuro.

Coincidindo con esta efeméride, tal día coma hoxe, un 25 de xullo de 1950, nacía, a Editorial Galaxia. Sucedía despois de que se celebrara, no bodegón do hotel Compostela, en Santiago, a asemblea fundacional da editorial. Quen estaban alí albergaban un soño común, case imposible a ollos da época, pero o tempo, 74 anos despois, demostrou que esa idea que agromou das mentes máis brillantes e revolucionarias da época, é unha realidade intacta. Un valor inmaterial difícil de superar e un agasallo para a nosa herdanza cultural.

Nun contexto de globalización, hoxe, é máis importante que nunca defender a nosa lingua, tendo sempre claro que a diferenza é o que fai a riqueza.

Hoxe seguimos a soprar as velas deste barco, coa mesma ilusión e compromiso, nun mar de letras que non deixa de cambiar e amosarnos novas ondas. A través da responsabilidade individual e colectiva, continuamos alzando as velas, nun mundo globalizado, no que é imprescindible reafirmar o propio, para non perderse na homoxeneidade imperante.

Soprade con nós, subide ao barco, e gozade do noso mar de letras.

Comparte nas túas redes sociais ou por email