Homenaxe a María Rosa Lojo na Feira do Libro de Buenos Aires

Categoría: Nova

A autora de A fin da Terra e O libro das siniguais e do único sinigual, a escritora arxentina de ascendencia galega María Rosa Lojo recibirá unha homenaxe na Feira Internacional do Libro de Buenos Aires pola súa contribución á narrativa dende a tradición do relato oral.

Baixo o lema "la Historia en historias" e no marco das actividades da 42 edición da FILBA (Pabellón Vermello), o Encontro Internacional de Narración oral "Cuenteros y cuentacuentos" considera especialmente relavante a contribución da escritora á narrativa arxentina, con libros de relatos e novelas nas que recupera a memoria histórica do seu país, tanto nas súas orixes (Historias secretas de la Recoleta), como contemporáneas.

A fin da Terra, unha recuperación da memoria de emigrantes na que se entrelazan mundos tan dispares como Irlanda, Galicia e Arxentina, é un exemplo desta produción da escritora, unha das autoras máis valoradas do actual panorama das letras argentinas.

Entre outras actividades, tamén no marco da FILBA, María Rosa Lojo participará no lanzamento do selo Mar Maior (Editorial Galaxia), de cuxa nómina de autores forma parte, e presentará, xunto coa súa filla Leonor Beuter (ilustradora), a edición en castelán de El libro de las siniguales.

Comparte nas túas redes sociais ou por email