Homenaxe a Díaz Castro nas terras de Irixo

Categoría: Nova

Arredor de trescentas persoas xuntáronse na Ínsua dos Poetas (Irixo) para conmemorar a primeira edición do poemario "Nimbos" de Xosé María Díaz Castro, hai agora cincuenta anos. O anfitrión foi o poeta Luís González Tosar, que hai tres anos cedeu para uso público varias hectáreas de piñeiral e carballeira da súa familia. O escultor Xosé Cid labrou un monolito de pedra en memoria do autor de "Nimbos", con algúns versos do seu poema Penélope: "un paso adiante e outro a atrás, Galiza", e en presenza de dous dos fillos de Díaz Castro que viñeron expresamente para o acto dende Euskadi, onde residen.

Participaron no evento outros poetas, como Miro Villar, Salvador García Bodaño, Víctor Campio, González Tosar, a escritora Fina Casalderrey e o profesor e crítico literario Luciano Rodríguez, lembrando a obra de Díaz Castro e salientando a significación da súa poesía. "Referencia obrigada no discurso das letras galegas do pasado século XX", en palabras do profesor e crítico.
No acto entregáronse tamén os premios "Sete carballas" a persoas ou institucións que salientasen a prol da lingua e a cultura galega. En nome dos galardonados (entre outros, o arquitecto Manuel Gallego Jorreto, o artista plástico Antón Lamazares, o xornal Galicia Hoxe…) falou o profesor Xesús Alonso Montero. "Velaquí un espazo novo para a poesía, que oxalá poida convocarnos a todos dentro de cen anos".
O presidente da Deputación, Xosé Luis Baltar, o secretario xeral de política lingüística, Anxo Lorenzo, e o conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, cerraron o acto no medio dunha choiva rexa que, con todo, non minguou a afluencia de público.

Comparte nas túas redes sociais ou por email