Homenaxe a Celestino Fernández de la Vega

Categoría: Nova

A recopilación "Ensaios a proba do tempo", título que escollera en vida o propio Celestino Fernández de la Vega, en 1974, cando ordenou estes traballos para a súa edición, daquela non consumada, reúne ensaios que van dende 1951: "Cultura y comunicación", publicado no primeiro dos Cadernos Grial (1951) a outros distintas épocas e temas: "Perfil gallego de Valle-Inclán", "Campanas de Bastabales (Meditación sobre Rosalía), "Abrente e sopor da paisaxe", "Presencia de Rof Carballo", "Vida e poesía de Luís Pimentel", "Heidegger e Nietzsche", etc., moitos deles publicados nas páxinas da revista GRIAL.

En palabras de Antón Baamonde, autor do prólogo, Celestino Fdez. de la Vega dialoga co seu tempo e con algúns dos grandes temas simbólicos da nosa cultura a través do pensamento de M. Heidegger, filósofo que dende moi cedo despertou un grande intereses nel e mais en Ramón Piñeiro. Ambos os dous traduciron ao galego, en 1956, o libro do autor alemán "Da esencia da verdade" (Galaxia).

No acto, promovido polo Club Cultural Valle Inclán e presentado por Tonina Gay, a súa presidenta, pediuse unha placa na cidade para a memoria de Fernández de la Vega. Estaba presente o alcalde da cidade, Xosé L. Orozco. Tamén participou no mesmo o director xeral de Galaxia, Víctor F. Freixanes, e a familia do escritor, os seus fillos, a súa viúva, María Luisa Maceda, e algúns vellos amigos.

"O segredo do humor" é unha das grandes obras da ensaística galega contemporánea, publicada por primeira vez en 1963. Xunto con Xan Rof Carballo, Francisco Fernández del Riego, Domingo García-Sabell, Ricardo Carballo Calero e o propio Ramón Piñeiro, Celestino Fernández de la Vega forma parte do chamado "Grupo Galaxia", grupo de pensadores que, entre os derradeiros anos 50 e primeiroa anos 60, desenvolven o xénero dende novos parámetros culturais e estéticos.

Comparte nas túas redes sociais ou por email