Historia da ciencia no Museo do Pobo Galego de Santiago

Categoría: Nova

A mesa redonda tivo lugar no salón de actos do Museo compostelán e nela interviñeron José Manuel Fernández de Labastida, vicepresidente de Ciencia e Tecnoloxía do Consello Superior de Investigacións Científicas; Xosé Antón Fraga, comisario da exposición; Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega, e Isaac Díaz Pardo.

Uxío Labarta, director do CSIC en Galicia introducíu a José Manuel Fernández de Labastida, agradecéndolle o entusiasmo e apoio económico que dende o principio prestou ao proxecto da exposición. Labastida, antes de dar paso aos demáis poñentes, recordou a súa vinculación a Galicia e á Universidade de Santiago, da que foi catedrático de Física, o que lle permitiu ver na iniciativa de Uxío Labarta o seu interese capital para a completa celebración do centenario da JAE en España.

Xosé Antón Fraga explicou os obxectivos perseguidos polo proxecto, que a xulgar pola resposta obtida ata agora nas tres cidades que visitou, A Coruña, Vigo e Santiago, superando xa os 4.000 visitantes, parece que foron acadados. Debullou tamén as dificutades de abordar un tema coma este mantendo as necesarias distancias entre o público e o privado. "Había que simplificar a mensaxe, evidenciar a rede de relacións – explicou- movéndose na complexidade, onde o binomio personalidades-institucións agromaba continuamente". "Compendiar, de xeito ameno e atractivo, as tres décadas nas que se contruíu, por primeira vez en Galicia, unha comunidade científica – suliñou Fraga- onde máis de cen bolseiros realizaron a viaxe de excelencia, non de subsistencia como era tradicional nos galegos, foi unha tarefa non exenta de dificultades nin de alegrías, todo hai que dicilo".

Ramón Villares, pola súa parte, chamou a atención sobre dous aspectos a ter en conta ao falar da JAE: un deles é a súa dimensión galega, xa apuntada por Fraga, e recordou que no seu inicio "está a conxunción do nacionalismo catalán con elementos madrileños que aportaron a súa moral científica, que é o mesmo que dicir Josep Pijoan, tan relacionado con Prat de la Riva, e a rede institucionista da capital de España". Trouxo a primeiro plano a catro personalidades galegas da capital: os políticos Montero Ríos e Alfredo Vincenti (tan inxustamente esquecido, na opinión de Villares), e os científicos José Casares e máis José Rodríguez Carracido. O outro, que a JAE ven reforzar o proceso de creación ou reformulación da nación española, no mesmo sentido no que o Institut de Estudis Cataláns e o seu homólogo vasco fanno nas súas respectivos ámbitos. "O Seminario de Estudos Galegos, – engadiu Villares- pese a non ter verbalizado isto, creou traballo científico e montou unha estrutura que servira á construción nacional".

Isaac Díaz Pardo, brevemente, avaliou positivamente a iniciativa do CSIC e trouxo á memoria o traballo científico de toda aquela xente, a moitos dos que tratou despois da Guerra Civil. Por último, José Manuel Labastida pechou o acto salientando o compromiso do CSIC coas institucións galegas, repasando os últimos proxectos postos en marcha, "que significaron, en 2007, un sustancial incremento da inversión en Galicia con vocación de contuinuidade".

Comparte nas túas redes sociais ou por email