Henrique Monteagudo, novo membro da RAG

Categoría: Nova

O filólogo e sociolingüista Henrique Monteagudo (Muros, 1959) incorporarase á Real Academia Galega como membro numerario, ocupando a vacante que deixou o publicista Gil Merino, recentemente falecido. A votación dos académicos tivo lugar o pasado venres na sede coruñesa na Academia. Era o único candidato proposto.
Continúa deste xeito o proceso de renovación xeracional que duns anos para acó vén producíndose na RAG, proceso iniciado baixo a presidencia de Francisco Fernández del Riego, continuado durante a presidencia de Xosé Ramón Barreiro e refirmado arestora baixo o mandato de Xosé Luis Méndez Ferrín.
Henrique Monteagudo, compañeiro de Galaxia e codirector da revista GRIAL, profesor titular da Universidade de Santiago de Compostela, secretario do Consello da Cultura Galega e recoñecido sociolingüística, con prestixio internacional, incorpora á institución o seu saber como especialista en estratexias de política lingüística.
Recente está a publicación de "As razóns do galego. Apelo á cidadanía" (Galaxia, colección Ensaio), onde realiza atinadas suxestións sobre o tratamento da lingua galega nas circunstancias actuais e analiza o contexto histórico do idioma.
Enrique Monteagudo é doutor en Filoloxía Galega e profesor da USC, ademais dos cargos máis arriba sinalados. O seu traballo desenvólvese nos eidos da filoloxía medieval, a edición de textos (Rosalía de Castro, Castelao, Otero Pedrayo) e os estudos sociolingüísticos e de historia da lingua. Conferenciante en numerosas universidades extranxeiras é autor da "Historia social da lingua galega" e coautor dunha "Gramática Galega" e dun "Diccionario Galego-Castelán", entre numerosos traballos de sociolingüística e política lingüística.
"O maior interese da miña presenza na institución será o traballo nestes ámbitos", declarou. Sobre estas cuestións versará o seu discurso de ingreso na RAG: "unha reflexión sobre o idioma nas últimas décadas; unha reflexión sobre como construir o futuro".

Comparte nas túas redes sociais ou por email