Hai tempo, foi algo vivido, noutro momento foi algo esquecido, dende hai tres anos transformouse nun tsunami e, por fin, fíxose materia en forma de libro e de disco; son e foron cinco anos da miña vida. Cantaban The Byrds: “Turn Turn Turn”, todo semella unha longa espiral que xira ao redor do “horizonte de acontecementos”, porta aos buratos negros e metáfora do anoamento entre recordo e esquecemento, entre memoria e desvarío.
Dígoo no libro, no seu comezo: basicamente é un conxunto de vivencias en primeira persoa que tiven a inmensa sorte de gozar nun momento de cambio de época. Na proposta non pretendín ser enciclopédico nin “acumulativo”, e obviamente, como toda exposición pública, seina suxeita a revisión e a unha “completude”, na que a bo seguro, se achegarán os recordos e os esquecementos de compañeiros de camiño. Quico de Cariño, “roixordo”, dicíame que botaba de menos algunha outra canción do grupo. Eu tamén. Mais, como figura no texto: saber do seu existir seguiranos animando, nun previsible futuro de incertezas, a darlles de novo vida.
“Nós” quizais sexa a palabra máis repetida no libro. Porque moitos compañeiros son os citados. Pero na cerna do relato, hai un “nós” central do que nace especificamente a memoria da pel e o afecto: sen Rodrigo Romaní, Pilocha, Pepe Ferreirós e Faíscas do Xiabre enteiro nada do contado e do cantado, tería sentido. A miña experiencia, a miña memoria, non deixa de ser un cacho da vivencia colectiva dese núcleo ao que lle debo o sentido e os “porques”.
Foron case que tres anos dedicados a reconstruír o sepia de imaxes e pentagramas durmidos. Tan só espero compartir con quen o lea/escoite, os arrecendos de tempos que pensabamos esmorecidos e que certa “apocalipse” actualiza a golpe de evidencia. A espiral volve pasar polo mesmo punto, case corenta anos despois, e todo o que semellaba pechado na gaveta estoupa chamando de novo ás nosas portas.