Galiza e Europa, dous novos títulos de Camilo Nogueira

Categoría: Nova

O venres, 19 de outubro, reuníuse en Lisboa o Consello Europeo -institución que integra os xefes de Estado e de goberno da UE- para aprobar informalmente o Tratado de Reforma que, substituindo ao Proxecto de Constitución e de acordo co compromiso de Bruxelas deste ano, baixo a presidencia da chanceler alemá Angela Merkel, reforma o Tratado Constitutivo da Comunidade Europea.

Previsiblemente, o Tratado de Reforma será aprobado baixo a Presidencia de Portugal, na Conferencia Intergovernamental de Lisboa, no próximo mes de decembro, e tomaría tamén o nome de Tratado de Lisboa. Isto significa o relanzamento do proxecto europeo, últimamente adurmiñado e en grave crise institucional.

Editorial Galaxia vai publicar neste tempo dous libros de Camilo Nogueira, ambos os dous relacionados entre si, en certa maneira complementarios: Europa, o continente andado e Galiza na Unión Europea.

Europa, O CONTINENTE PENSADO, trata do carácter histórico e politico da Unión Europea, incluindo unha análise do conxunto dos Tratados da UE e do proxecto de Tratado Constitucional, o relato da crise do proceso de ratificación da Constitución (que aprobaran a Convención, o Consello Europeo e o Parlamento Europeo) e, dentro do conxunto de cuestións consideradas dentro do epígrafe a Europa esperada, o desafio da presenza mundial da Unión de 500 millóns de cidadáns e cidadás (a primeira potencia económica mundial) como unha potencia civil pola paz e a solidariedade.

Galiza na Unión Europea, ERGUIDA VONTADE, analisa en primeiro lugar as consecuencias da entrada de Galiza na Comunidade Europea, salientando o esforzo histórico extraordinario da sociedade galega frente a condicións autonómicas e estatais desfavorábeis, e no marco aberto da UE, nun proceso que levou entre 1986 e 2006 á transformación da estrutura económica e social desde un carácter predominantemente agrario e rural a un carácter industrial e urbano. Trata despois da cuestión da presenza na UE das nacións sen Estado, de Escocia a Galiza, como un problema pendente de solución dentro dos Estados e na Unión, das condicións politicas específicas da presenza de Galiza na UE como unha nación no Estado español, e das consecuencias sociais, económicas e linguísticas da desaparición prática da fronteira galego-portuguesa.

Comparte nas túas redes sociais ou por email