Galicia na Feira de Guadalajara

Categoría: Nova

Galicia podería ser a cultura invitada á Feira do Libro de Guadalajara (FILE) no ano 2012. Así o comunicou a directora do certame aos representantes dos editores galegos e mais ao director xeral de Promoción Cultural da Xunta de Galicia nunha xuntanza concertada a tal efecto. Nesta edición a Feira estivo dedicada á cidade de Los Ángeles, cun escaparate promocional da mesma e eventos a celebrar en toda cidade: música, teatro, arte, cinema, conferencias, presentacións de libros e de autores, etc.

Os editores galegos e a Xunta de Galicia deberán facer chegar a proposta do programa de actividades e os argumentos da cultura galega ao longo do próximo ano, para a súa consideración a cargo do consello de dirección da Feira.

Cada ano, Guadalajara convértese nos derradeiros días de novembro e na primeira semana de decembro na capital do libro en Latinoamérica. Xunto con Bos Aires e Sao Paulo son os encontros máis importantes do libro hispanoluso naquel continente. Máis de un millón e medio de persoas circulan ao longo de dez días polo recinto feiral, que ademais de á actividade profesional está aberto ao público.

Fina Casalderrey, Manuel Rivas e Alfredo Conde foron os escritores invitados, con intervencións tanto nas instalacións da Feira como en centros docentes da cidade, en contacto directo cos lectores. Kiko da Silva e Carlos Portela representaron a ilustración e a banda deseñada. A Asociación Galega de Editores e a Consellería de Cultura e Turismo presentaron o stand propio do sector. Dentro das actividades profesionais celebrouse unha mesa redonda entre editores galegos e mexicanos sobre "Os desafíos da edición independente", na que participaron por México as editoriais Sexto Piso, Almadía e Nostra Ediciones, e por Galicia, Kalandraka, Edicións do Cumio e Editorial Galaxia.

Comparte nas túas redes sociais ou por email