Conversando Cuba e Galicia

Categoría: Nova

A Editorial Galaxia publica, dentro da súa colección Dombate, unha selección da obra dun dos principais poetas cubanos contemporáneos, Roberto Fernández Retamar, en edición bilingüe galego-castelán.
Poesía que é equilibrio entre a vivencia íntima e a perspectiva panorámica do acontecer colectivo.
Ese é o espírito desta Conversa na que o texto orixinal dialoga coa versión galega de Xosé Mª Álvarez Cáccamo. Poesía de base moral, asentada na vivencia do día (amor, amizade, nostalxia, sátira, emoción e paixón compartida) e firmemente alicerzada na experiencia revolucionaria.
O autor naceu na Habana e estudou, ademais de en Cuba, na Sorbona e na Universidade de Londres. Ten dictado conferencias nas principais universidades do mundo.
Foi director da revista Casa das Américas (desde 1965). No 1977 funda –y dirixe ata 1986 – o Centro de Estudos Martianos. No 1985 convértese en membro da Academia Cubana da Lingua. Ocupou cargos políticos como o de deputado á Asemblea Nacional do Poder Popular de Cuba (1998) e membro do Consello de Estado. Foi xurado de premios literarios prestixiosos.
Entre os seus premios literarios podemos destacar o Premio Nacional de Poesía polo seu libro 'Patrias', en 1951, o Premio Latinoamericano de Poesía Rubén Darío e a Medalla oficial das Artes e as Letras, outorgada en Francia, en 1998.

Comparte nas túas redes sociais ou por email