A data non pode ser máis axeitada. O ensaísta, avogado, columnista de opinión na prensa galega, memorialista do galeguismo na posguerra, Xosé Luís Franco Grande, pronunciará esta tarde no Ateneo de Santiago, ás 20 horas, una conferencia titulada: "Repensar Galicia en Europa".
A coincidencia coa xornada electoral do pasado domingo pon de especial actualidade o tema tanto da intervención (Repensar Galicia en Europa) como do seu último libro: 'Outra política para outros tempos' (colección Ensaio, 2013).
No seu libro, Franco Grande aposta decididamente polo federalismo como discurso solidario (e necesario) do noso tempo, con especial referencia á construción da Unión Europea e ao previsible debate que se anuncia no Estado español nos próximos meses. Formado no galeguismo europeísta de posguerra, o avogado e ensaísta galego publicou acaso o libro de memorias máis representativo do galeguismo despois da Guerra Civil ('Os anos escuros', Galaxia, 2004). Na actualidade exerce semanalmente a opinión crítica nas páxinas de 'La Voz de Galicia'.