Galaxia recupera a obra de Gerardo Álvarez Limeses “Antre dous séculos”

Categoría: Nova

A reedición, tras case noventa anos da publicación orixinal, inclúe un prólogo manuscrito de Castelao.

A figura e obra de Gerardo Álvarez Limeses chegará de novo ás librarías co seu poemario Antre dous séculos, longamente esquecido e agora reeditado pola Editorial Galaxia na súa colección Letras Galegas Clásicos. Publicado orixinalmente en 1934, deu nome á “Xeración entre dous séculos”, que reuniu a autores nacidos entre 1869 e 1879: protagonistas da transición da literatura galega no cambio de centuria, incluía a escritores como Noriega Varela e Cabanillas.

O título conta cunha versión facsímil do prólogo manuscrito que Castelao fixo no seu día. Nel, referíase ao autor como “un patriota de dous séculos. Do século en que a Patria era unha i-alma en pena, a saloucar nas tebras, e do século en que a i-alma da Galiza reencarnouse nun corpo san e incorruptible que reclama garantías par’a súa eisistencia” e ao libro como “nidio como a i-auga, fermoso como unha fror”.

Os poemas retratan a Galicia rural da época, folclórica, costumista e onde a paisaxe adquire grande importancia, mais sen perder de vista a preocupación social nin a denuncia da inxustiza e miseria ás que os labregos facían fronte. 

Gerardo Álvarez Limeses foi un persoeiro esencial na cultura galega de entreséculos. Mestre e escritor, levou a cabo unha importante actividade intelectual en varios ámbitos: formou parte da Real Academia Galega e da Sección de Historia do Seminario de Estudos Galegos, foi cofundador do Museo de Pontevedra, participou en revistas como El Iris Literario e Galicia Ilustrada – creou, incluso, Galicia moderna – e xornais como o Diario de Pontevedra e Faro de Vigo.

Comparte nas túas redes sociais ou por email