O coñecido cantautor – figura esencial dentro do panorama de creadores de canción protesta en galego dos anos setenta e oitenta – ten dende sempre un poeta dentro que agroma agora, cincuenta anos despois dos seus primeiros lanzamentos musicais e tras un parón case ininterrompido de máis de dúas décadas. Folgos. Trobas existenciais transmítenos o ollar directo dun Jei Noguerol que é quen de compoñer versos contundentes, de gran forza expresiva, sobre a súa realidade e tempo vividos.
Mañá, mércores 7 de xullo, celebrarase unha presentación arredor deste novo título, na sede da Deputación de Pontevedra, en Vigo. Acompañando o autor, estará Francisco Castro, director xeral de Editorial Galaxia.
O acto contará coa interpretación musical do autor e Pepe Bordallo. Todas a todos os interesados, poderán reservar a súa praza no seguinte correo:
comunicacion@editorialgalaxia.gal
O viveirense, licenciado en filoloxía hispánica e galaico-portuguesa e que marchou moi novo a Barcelona para dedicarse ao ensino, regresa así co seu primeiro poemario, publicado na colección Dombate de Editorial Galaxia, dando un xiro e engadindo un fito na súa traxectoria artística ata o de agora. Precisamente cando se cumpren cincuenta anos xustos do lanzamento do seu primeiro sinxelo, coas cancións “Denantes dos vinte anos” e “¿Queres ser mar do meu río?”, coa discográfica Edigsa-Xistral.
A este seguirían varios discos que o converterían nunha referencia dentro da Nova Canción, xunto a nomes como Xerardo Moscoso, Benedicto ou Miro Casabella. Entre eles, “Señor Ministro, por favor”, que gañou moita fama e ten anécdota incluida, ao ser a canción homónima unha petición do entón alcalde de Moaña, o socialista Cándido Pena, para convencer ao ministro de Obras públicas de acometer as obras de mellora da estrada xeral que atravesa a vila, a actual PO-551, tras vir de reclamar sen éxito ao conselleiro Xosé Cuiña.
Vencellado á esquerda galega – a persoeiros como Darío Xohán Cabana ou o activista político Moncho Reboiras -, destacou por outras letras moi comprometidas co galeguismo e coa loita contra a ditadura, como “Voa, voa, miña anduriña”:
(…)
Non está lonxe o mañá
En que todos os galegos
Nos volvamos a xuntar
E romperemos as cadeas
Coa forza da unidá
Voa, voa miña anduriña
Que ten présa o meu cantar
Son moitos anos calando
Xa non quero calar máis
(…)
Porén, a partir de finais dos oitenta decrece a súa actividade pública como cantautor. E, aínda que se mantivo ligado á literatura toda a súa vida – musicou dúas obras de Valle-Inclán e traduciu ao castelán o Follas Novas de Rosalía de Castro, Folgos. Trobas existenciais é a primeira incursión de Noguerol como autor. No seu debut fálanos do paso do tempo, de coñecerse e facer contas con un mesmo, reflexiona sobre a súa obra e chámanos a exprimir a vida.
Eu vinvos unha vez
O ceo enteiro
E do que vían os meus ollos
Non daba creto
Agora vexo un cachiño
Por un burato
E soño o resto do ceo
Daquel pasado