Galaxia publicará en outono a biografía de Berrogüetto e un disco en directo

Categoría: Nova

Editorial Galaxia editará despois do verán o libro 'Berrogüetto: O pulso da terra', primeira biografía sobre Berrogüetto escrita polo xornalista e crítico musical Fernando Neira.

Berrogüetto é, sen dúbida, un dos grupos musicais máis relevante que deu a música de raíz tradicional galega durante as dúas últimas décadas. O volume, que coincide co Ano da Música e co décimo quinto aniversario da banda, vai acompañado do primeiro audiovisual dun concerto ao vivo desta formación (gravado en colaboración coa Televisión de Galicia no Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela en novembro de 2010) mais o CD co rexistro sonoro dese mesmo concerto.

'Berrogüetto: O pulso da terra' percorre de xeito minucioso a historia do grupo ao longo destes quince anos de actividade, tanto en Galicia como ao longo do Estado español e as súas xiras internacionais. Detalla a peripecia artística de todos os seus integrantes (os sete actuais e os que formaron parte da banda nalgún momento) e retrata a eclosión do folk galego como un dos fenómenos musicais máis relevantes para a recuperación do patrimonio cultural do país.

O libro nútrese de abundantes conversacións mantidas ex profeso para a ocasión con todos os músicos do grupo, así como con outras personalidades da cultura galega e estatal que desenvolveron un papel relevante ao longo destes tres lustros: compañeiros de profesión, colaboradores, representantes, técnicos, amigos… A través da historia de Berrogüetto, percórrese tamén a historia da música de raíz en Galicia durante os seus anos máis esplendorosos.

Non faltarán no libro as fotografías imprescindibles para contar a historia, moitas delas inéditas, nun formato visualmente moi coidado coa estética propia de Berrogüetto e a solvencia técnica de Galaxia.

Editorial Galaxia e Berrogüetto Produccións acometen este proxecto multidiscipliar de forma conxunta nun exercicio de compartir as bondades e as capacidades que aporta a colaboración entre as diferentes industrias culturais.

Comparte nas túas redes sociais ou por email