Galaxia publicará a novela finalista do premio Torrente Ballester

Categoría: Nova

O finalista do premio Torrente Ballester foi escollido por maioría entre os membros do xurado, que destacaron "a súa recreación do ambiente teatral galego nun texto cheo de destreza literaria, con múltiples homenaxes á literatura universal".

32 dentes conta a historia dun autor teatral que de socato se converte en neno e debe seguir coa súa vida nun mundo de adultos. Aínda que el pensa coma un adulto a sociedade o trata como o que aparenta ser, un neno desvalido que vive entre asistentes sociais e casas de acollida.

Como explica o autor nun artigo de A nosa terra, hai dous obxectivos básicos na novela: ir contra a tradición de novela de iniciación e idealización da infancia, e facer unha metáfora sobre a minoría de idade das linguas minorizadas. "A pesar de que pensamos que a nosa cultura é madura, os demais trátannos como meniños".

Galaxia publicará o vindeiro ano esta divertida novela, que retoma a tradición da literatura picaresca e de aventuras dun autor que xa ten outras dúas novelas no noso catálogo: A estraña estrela e A vida que nos mata, Premio García Barros 2003.

Comparte nas túas redes sociais ou por email