A Editorial Galaxia, dentro da súa política de aposta decidida pola tradución dos clásicos contemporáneos, publica a nova novela de Orhan Pamuk, 'Neve'.
Publicada orixinariamente en turco no ano 2002, 'Neve' está considerada unha das obras mestras de Orhan Pamuk pola súa concepción narrativa, na que a intriga se combina axeitadamente coa poesía.
A historia que Pamuk conta en 'Neve' céntrase na viaxe dun poeta exiliado á meláncolica cidade de Kars, que acaba de sufrir unha vaga de suicidios de mozas por se lles prohibir o uso do veo. O obxectivo do poeta e protagonista da novela é escribir sobre esta cadea de feitos tráxicos. Pamuk aproveita a atmosfera da cidade, envolveita nunha nevarada constante, para elaborar unha metáfora da melancolía.
A novela introduce a lectores e lectoras nun universo ficional no que a farsa, a crueldade e a violencia se personifican na cidade de Kars e na atracción que o poeta protagonista sente por unha muller, a fermosa Ipek, e pola figura dun terrorista carismático.