Dez anos sen Uxío Novoneyra

Categoría: Nova

Hai hoxe dez anos morría en Compostela o poeta Uxío Novoneyra, a quen se adica o ano vindeiro o Día das Letras Galegas. Mestre dunha xeración enteira de poetas, a súa voz segue a ser aínda hoxe un referente esencial para entender a nosa lírica e o noso propio concepto de país. Dende a serra do Courel soubo facer unha poesía universal preñada dun fondo sentido ético e de conciencia galega.
Poucos como Uxío Novoneyra fixeron da condición de poeta un destino de vida e de responsabilidade cun tempo e cunha lingua.
Autor polifacético, os seus intereses centráronse, tamén, nas artes plásticas (famosos e inesquencibles os seus caligramas) e no activismo cultural, chegando a ser presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega.
Unha década despois, a súa palabra, alba e delgada, ecoa nos nosos ouvidos fermosa e viva.

Comparte nas túas redes sociais ou por email