Nada nos limita.
Podemos cantar fóra de ton.
Podemos samplear a Tchaikovsky.
Podemos falar de cordóns de zapatos se queremos…
Con esta cita de Looking For The Perfect Beat, comeza Somos Hip-Hop. Fudamentos do breaking, rap, graffiti, turntablism e beatbox , de Pablo Castiñeira Olveira e David Brey Vázquez. Toda unha declaración de intencións que pon o foco na versatilidade e canle de liberdade que supón este movemento.
A través deste libro, descubriredes os fundamentos, trucos e segredos de cada unha das disciplinas que forman este movemento sociocultural, perfectamente ilustradas cunha ampla colección de imaxes orixinais.
Lendo estas páxinas asistiredes a todo un roteiro polo universo hip hop, que comeza na cidade que nunca dorme, Nova York. Mentres a comunidade estadounidense da década de 1970 vibraba coa música funk e disco nos clubs de moda dos barrios ricos da cidade, algo máxico estaba a piques de suceder nos guetos da periferia, onde comezaba a xerminar un novo movemento sociocultural, artístico, reivindicativo e transgresor que en poucos anos chegaría a todos os recunchos do planeta…
O movemento hip hop, composto polos seus cinco elementos: breaking, rap, graffiti, turntablism e beatbox. A través deste percorrido, as lectoras accederán a diversos glosarios de termos, kit básicos de supervivencia, exercicios prácticos e todo tipo de trucos para saber como funciona esta arte en profundidade.
Esta proposta contén un código QR que permite a todas as lectoras e lectores acceder a contidos exclusivos e realidade aumentada en www.vellaescola.com.
Esta semana chegará a todas as librarías de Galicia.