A colección Costa Oeste de Editorial Galaxia incorpora un novo título ao seu catálogo: Pontealbar, a novela de Adrián Noia, unha historia chea de misterio, ambientada no val do Río Grande.
A vida de Pedro de Pontealbar muda por completo cando descobre que a fin do mundo está próxima por culpa dun pacto entre o conde Albar e o Demo da Serpe, unha criatura lendaria. A pantasma de Marcela, vítima da crueldade do conde, encoméndalle a Pedro unha misión decisiva: salvar a súa aldea antes de que sexa demasiado tarde.
Comeza así unha viaxe por un universo indescritible, poboado de seres máxicos e aliados inesperados, onde o protagonista deberá asumir que o seu destino estaba escrito desde antes do seu nacemento.
Adrián Noia (Santiago de Compostela, 2001) graduouse en Lingua e Literatura Españolas na USC, traballou como auxiliar de conversa do Ministerio de Educación en Lisboa e foi bolseiro de biblioteconomía na Biblioteca de Galicia.
Comezou a escribir durante a adolescencia, gañou os certames A Pipa de Becerreá (2016) e Terras de Chamoso do Corgo (2017) na categoría xuvenil. É autor de O país dos raposos (2022, II Premio de Novela Curta do Xuventude Crea 2021) e de A terra leve (2024). Colaborou na antoloxía Scripta manent: 50 anos de memoria e palabra, da Facultade de Filoloxía da USC e publicou artigos nas revistas Eduga e Viñetas BD. Partilla a súa actividade literaria en (@adriannoia) e na páxina web adriannoia.gal.