“Este certame nace pola necesidade de fomentar a escrita de textos teatrais dirixidos ao alumnado de ESO e Bacharelato. Por iso, o IES Ribeira do Louro, a Editorial Galaxia e o Concello do Porriño convocan este certame coa finalidade de crear un fondo de textos teatrais susceptibles de ser representados e lidos por alumnado do ensino secundario. Asemade, pretendemos honrar a figura de Roberto Vidal Bolaño que tanto contribuíu a engrosar o corpus do teatro galego.”
BASES
- Poderán concorrer ao Premio todas as persoas maiores de idade que o desexen, de calquera nacionalidade, con textos teatrais inéditos e non premiados noutros certames, que estean escritos en lingua galega.
- As OBRAS serán de temática e extensión libre, se ben hai que ter en conta que van ser lidas e interpretadas por alumnos e alumnas de ensino secundario, de 12 anos en diante.
- Cada autor/a poderá presentar máis dunha obra, se así o desexa. Non se poderán presentar aquelas autoras e autores que tivesen gañado o premio nas tres edicións inmediatamente anteriores.
- O PREMIO constará de 2.000 euros, suxeitos ás retencións fiscais correspondentes, e que computarán en concepto de adianto de dereitos de autoría, un diploma e unha figura acreditativos e a edición e publicación da obra gañadora a cargo da EDITORIAL GALAXIA. Para tal efecto a editorial asinará co gañador ou gañadora o correspondente contrato de edición.
- Haberá unha única obra gañadora e o premio poderá quedar deserto se as obras presentadas non se adecúan á finalidade do premio, segundo o criterio do xurado.
- O PRAZO de presentación de orixinais comeza unha vez publicadas as presentes bases e remata o 27 de febreiro de 2026.
- Enviaranse catro copias da obra, debidamente encadernadas, xunto coa plica, nun sobre pechado cos datos do autor/a. O ENVÍO farase a través de correo postal ao enderezo: IES Ribeira do Louro (Rúa Ribeira s/n, 36410, Torneiros, O Porriño), especificando no sobre Premio de Teatro Roberto Vidal Bolaño.
- O XURADO estará conformado por unha persoa do equipo de EDL do IES Ribeira do Louro, dous profesionais do ámbito das artes escénicas e unha representante da Editorial Galaxia como secretaria con voz e sen voto; e prestará especial atención á innovación dramatúrxica, ás novas linguaxes contemporáneas e á singularidade temática das pezas.
- A obra gañadora darase a coñecer no mes de maio e a gala de entrega do premio farase nun acto organizado polo IES Ribeira do Louro, na derradeira semana de maio de 2026.
- Se durante o tempo de presentación e deliberación a obra presentada recibise algún premio ou fose editada, o/a autor/a deberá comunicalo á organización do certame, xa que este feito será motivo de exclusión do presente concurso.
- Os orixinais non premiados poderán ser recollidos na secretaría do IES Ribeira do Louro do Porriño no prazo dun mes a partir do fallo do xurado. As obras non recollidas serán destruídas pasado o mes.
- O feito de participar neste certame supón a aceptación total destas bases. O non previsto nelas será resolto pola organización.