Inauguración da exposición “Crear Porvir. Editorial Galaxia (1950-2025)”, na Coruña

Categoría: Nova

O mércores 29 de outubro, celebrarase, ás 19 h, na Fundación Luís Seoane da Coruña, a inauguración da exposición Crear Porvir. 75 Aniversario Editorial Galaxia.

No acto intervirán, Carmen Jiménez, directora da Fundación Luis Seoane; Xavier Alcalá, conselleiro e autor de Editorial Galaxia; Severino Álvarez, director territorial da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude; e Antón Vidal, presidente do Consello de Administración de Editorial Galaxia.

Entrada libre ata completar capacidade.

Estará dispoñible ata o 23 de novembro.

Con motivo da celebración durante este 2025 do 75 aniversario de Editorial Galaxia, puxéronse en marcha unha serie de iniciativas culturais entre as que destaca a exposición itinerante ao redor dos 75 anos de historia da editorial, inseparables, doutra banda, da historia social e cultural de Galicia e da súa proxección (tanto en España como no exterior), a partir da segunda metade do século XX.

A exposición “Crear porvir. 75 aniversario Editorial Galaxia”, está comisariada por un equipo de referencia no ámbito dos estudos académicos en Galicia e a nivel internacional, dirixido polo catedrático da Universidade de Santiago de Compostela, director da Cátedra Castelao, da revista Grial, recén nomeado presidente da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo, acompañado pola profesora de literatura galega, Malores Villanueva Gesteira e polo catedrático da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, Xosé Manuel Dasilva Fernández.

Neste proxecto destácase o labor de autoras e autores, como Castelao, Otero Pedrayo, Eduardo Blanco Amor, Paco Martín, Xohana Torres, Carlos Casares, Fina Casalderrey, Manuel Rivas, Yolanda Castaño, Paula Carballeira, Domingo Villar, Xesús Fraga, Xosé Manuel Núñez Seixas, Marilar Aleixandre…; editores, como Carlos Casares e Víctor F. Freixanes…; e fundadores da editorial, como Otero Pedrayo, Ramón Piñeiro, Xaime Isla Couto e Francisco Fernández del Riego; ademais de títulos que axudaron a conformar o panorama literario de Galicia, configurando unha visión global da edición galega durante o franquismo e a democracia.

A mostra articúlase en catro bloques temáticos que convidan a percorrer a literatura e os seus autores e autoras, desde o Rexurdimento ata a xeración do novo milenio; o ensaio e o pensamento galegos, con estudos sobre a lingua, a historia, a sociedade e a ecoloxía, así como proxectos de referencia como a revista Grial; a tradución e a proxección internacional, co galego como lingua de recepción e creación universal; e a literatura infantil e xuvenil, onde Galaxia foi pioneira con coleccións e espazos dirixidos ao público máis novo. A exposición conta tamén cun espazo para público infantil que convida a ler e gozar da edición para as idades máis novas.

O deseño expositivo correu ao cargo do estudo Desoños, que propón unha sorte de bosque de estruturas móbiles onde se sinalan dun xeito visual e dinámico os nomes, publicacións e feitos singulares desta traxectoria. As estruturas van precedidas dun túnel do tempo, cos fitos máis salientables destes 75 anos. O deseño expositivo cumpre, ademais, o reto de adaptarse ás distintas sedes onde se vai instalar.

Outro aspecto a salientar é que se pode gozar, formando parte da exposición, dunha peza audiovisual, dirixida por Ana Viqueira e Diego Frey; e producida por Nós TV, que recolle testemuños de personalidades vinculadas a Editorial Galaxia sobre a súa produción literaria.

A exposición realiza a súa itinerancia polas sete cidades galegas da man de colaboradores de referencia no mundo da cultura e no ámbito expositivo fundamentalmente: Afundación (Obra Social Abanca), Deputación Provincial de Lugo e a Fundación Luís Seoane.

Datos de interese:

De martes a domingo, de 11:00 h a 15:00 h e de 17:00 h a 21:00 h. Entrada de balde.

Enderezo:

Fundación Luis Seoane San Francisco, 27. 15001, A Coruña.

Comparte nas túas redes sociais ou por email