No marco da Feira do Libro de Vigo, que se celebrará nos primeiros días de xullo presentarase a novela de debut de Iria Collazo López, COMA UNHA ÁNCORA, unha novela de naufraxios e de amor, pero desa clase de amor que viaxa máis aló das fronteiras, da lóxica e do que coidamos normal. Unha espectacular novela de debut dunha autora que está chamada a protagonizar grandes páxinas na literatura galega. Quen se achegue a este libro atopará momentos inesquecibles onde se manifestan o misterio e o inexplicable, mais tamén a vida con toda a súa forza, tanta, que vai por enriba da morte. Quen empece a ler xa non vai poder parar.
Iria Collazo López naceu en Barro (Pontevedra) en 1981, pero leva no Morrazo (primeiro Moaña, agora Cangas) desde os sete anos. As historias que lle contaron, que vive e que respira nestes dous lugares impregnan boa parte do que escribe. Estudou Filoloxía Galega na Universidade de Vigo e titulouse co Premio Extraordinario Fin de Carreira. Ao ano seguinte aprobou as oposicións ao Ensino Secundario e hoxe exerce como profesora de Lingua e Ligeratura Galega no IES As Barxas, de Moaña. Coma unha áncora é a súa primeria obra literaria publicada, e tamén a primeira que se atreveu a escribir.