Galaxia publica en edición dixital a obra de Casares

Categoría: Nova

Un libro de homenaxe e un especial da Revista Grial completan as accións previstas pola editora neste décimo aniversario do pasamento do escritor.

Baixo do título DEZ ANOS CON CARLOS CASARES, Editorial Galaxia bota a andar, este venres 9 de marzo, un mollo de actividades entre os que destacan a edición en dixital da súa obra. Actívase tamén un blog no que escritores, estudosos, críticos e lectores deitarán, a través de distintos artigos, semblanzas e recomendacións, a súa visión sobre a vida e a obra do autor de Ilustrísima.

Este venres, no décimo cabodano do seu inesperado pasamento, a Editorial Galaxia que Carlos Casares guiou durante tantos anos, quere celebrar que unha década despois está presente. Por iso o nome escollido para enmarcar as distintas actividades que a editora vai acometer arredor da súa vida e obra é "Dez anos con Carlos Casares" e non "sen Carlos Casares". Porque el segue moi presente no día a día da Editorial. O escritor, o compañeiro e o amigo.
Ata fin de ano e cada dúas semanas, irán aparecendo no Blog de Carlos Casares, ao que se accederá dende un enlace específico na web da editorial (www.editorialgalaxia.com), artigos de diversa profundidade. Así, na primeira entrega, o escritor Antón Riveiro Coello, autor que ten recoñecido en moitas ocasións a importancia de Casares na súa literatura, escribe unha semblanza dun autor ao que define "como un pai, un mestre". Por outra banda, a profesora de Educación Infantil Ánxeles Abelleira fai unha achega a algúns dos libros dirixidos ao público infantil dos por el escritos. Finalmente, o escritor e actual director de Galaxia, Víctor F. Freixanes, publica un texto en profundidade arredor da faceta xornalística de Casares.
Para este ano Editorial Galaxia acomete tamén a dixitalización das súas obras. Todos os internautas interesados poderán acceder á adquisición destes libros agora preparados para a súa lectura dixital.
Por outra banda, e coa idea de presentalo na Feira do Libro da Coruña, que se celebra en agosto, mes no que naceu Casares, publicaremos un libro de homenaxe, obra de Rafael Laso, que, cun abondoso material fotográfico fará un achegamento completo á súa biografía. Ao tempo, a publicación contén un mollo de entrevistas con amigos que o coñeceron ben e distintos escritores que se viron influídos polo seu traballo.
Finalmente, e coincidindo co final deste Ano Casares, publicaremos un número especial da Revista GRIAL dedicado íntegramente á súa vida, obra, e pegada literaria.
Será un 2012 de homenaxe a quen tanto nos deu, á editorial, e á literatura galega.

Comparte nas túas redes sociais ou por email