Galaxia publica “Birken”, de Diego Alfonsín

Categoría: Blog

Birken, é a primeira novela Diego Alfonsín publicada en Editorial Galaxia.

Publicada na colección Literaria Ronsel, esta novela conta a historia de Birken. El só quere saber onde comezan e onde acaban as preguntas, por iso pon os signos de interrogación ao comezo e ao final.

Birken quere saber por que os holandeses si e os galegos non. Birken acaricia as árbores da horta coma se fosen seres queridos. Durante unha viaxe en tren, recoñece un antigo compañeiro da facultade no mesmo vagón e descobren que van visitar a mesma exposición. Birken conta que lle gustaría escribir como Thomas Bernhard, pero como Thomas Bernhard só pode escribir Thomas Bernhard. Birken sabe que nunca, baixo ningún concepto, debería volver a Galicia; pero un día descobre que algo o inquieta nese lugar onde todos aceptamos que se agocha o corazón.

Esta semana chegará a todas as librarías.

Diego Alfonsín (Tui, 1980) é licenciado en Filoloxía Galega pola Universidade de Vigo e profesor de ensino secundario de Lingua e Literatura Galega. Entre os anos 2008 e 2016 viviu en Alemaña, onde traballou como lector de galego e español na Universidade de Heidelberg. Escribiu as novelas Lenta demolición (2015, Premio de Novela Miguel de Unamuno) e Non o saben as estrelas (2018, Premio Manuel Lueiro Rey de novela curta), o libro de contos Heidelberg (2018) e o ensaio literario Libro de notas (2022).

Comparte nas túas redes sociais ou por email