Editorial Galaxia vén de distribuír sete novas publicacións, en colaboración coa Deputación de Pontevedra, Fim. Unha historia do intercéltico, de Anna R. Figueiredo, Memorias dun proscrito, de Manuel Coto Chan; coa colaboración da Deputación de Ourense, Castromao, de Francisco Fariña Busto e Luis Orero Grandal, Barreiros. Historia completa, de Manuel Lage; en colaboración coa Real Academia Galega, Estudos de Onomástica Galega VIII. A onomástica e a cultura popular, e I es a noite, i es a aurora. A poética da luz en Rosalía de Castro, de Anxo Angueira e Chus Pato; en colaboración coa Xunta de Galicia, o Centro Pen de Galicia e Afundación, Cortar pescado en Manila, XXII Premio de Poesía Afundación 2024, de Miguel Rodríguez Monteavaro.
FIM. Unha historia do Intercéltico, de Anna R. Figueiredo, xorde da necesidade de preservar o legado inmaterial da cultura desta terra do Morrazo nun documento escrito que deixe memoria do camiño que comezou coa Asociación Semente Nova ata hoxe, cando xa falamos do Festival Intercéltico do Morrazo con toda a proxección internacional que conseguiu.
Memorias dun proscrito, de Manuel Coto Chan. Reproduce o diario de Coto Chan, Deputado provincial e concelleiro estradense, fuxido desde xullo do 36 até novembro do 38, cando é capturado polos fascistas.
Este libro recolle a edición facsímil, a transcrición e a tradución do manuscrito, acompañada dos traballos introdutorios e de contextualización do historiador Marcos Borrageros e de Adrián Coto, bisneto do autor do diario. Engádese ademais unha recreación ficcionada do escritor David Otero.
Castromao, de Francisco Fariña Busto e Luis Orero Grandal. Esta guía pretende ser unha invitación a achegarse ata o xacemento de Castromao (Celanova) e aproveitar para gozar da paisaxe e coñecer algún dos elementos que configuran a mesma e a historia de Galicia.
Barreiros. Historia completa, de Manuel Lage. Unha recopilación, tabulación e explicación das características de todos os motores, camións, tractores, autobuses e automóviles dende as transformacións de Ourense ata o final da produción de camións en Vilaverde, pasando polas súas sucesivas marcas: Barreiros, Dodge e Renault. Inclúe a actividade industrial de Eduardo Barreiros en Cuba nos anos 80 ata o seu pasamento en 1992.
Estudos de Onomástica Galega VIII. A onomástica e a cultura popular. O eixo central de Estudos de Onomástica Galega VIII é a relación da onomástica coa literatura popular, que foi transmitida oralmente durante xeracións, en épocas en que a lingua galega estaba vetada nos textos escritos. O uso dos nomes é significativo para entender a nosa idiosincrasia tamén en canto á comunicación, á complicidade ou aos sobreentendidos que nos unen como pobo.
I es a noite, i es a aurora. A poética da luz en Rosalía de Castro, de Anxo Angueira e Chus Pato. Discurso lido no acto da súa recepción, por Anxo Angueira Viturro e resposta de Chus Pato.
O acto académico en que foron lidos os dous discursos recolleitos no presente volume celebrouse o 27 de abril de 2024 no Auditorio municipal de Padrón. O seu discurso centrouse na poética da luz en Rosalía de Castro, un elemento que en Rosalía funciona como símbolo tanto da dimensión social como existencial da súa obra e que reforza dende a reivindicación do espertar político de Galicia nas páxinas de Cantares gallegos ata o reflexo das complexidades do eu nos versos de “Negra sombra”.
Cortar pescado en Manila, XXII Premio de Poesía Afundación 2024, de Miguel Rodríguez Monteavaro. Libro heterodoxo, fóra do canon, con moitas facetas e capas. Grazas ao personaxe dun peixeiro das rúas de Manila, Rodríguez Monteavaro sintetiza os problemas xerais do mundo de xeito fresco e con madurez e cunha proposta formal pouco corrente: o protagonista do libro fala en primeira persoa da precariedade laboral, da violencia, do desexo, do amor, da tenrura, das espectativas do futuro e dos traumas do pasado para conseguir facer identificarse á xente lectora con el nunha mestura de rabia, noxo, pena, empatía e sorna.