Este mércores celebrouse na Coruña a estrea de Antes de Nós, a nova longametraxe de Ángeles Huerta que nos propón un retrato íntimo e pouco convencional de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. A través da relación persoal entre Castelao e a súa muller, Virxinia Pereira, o filme mergúllanos nunha Galicia anterior á “xeración Nós”, nun tempo de perdas, compromisos e descubrimentos que marcarían para sempre a traxectoria vital e política do autor rianxeiro.

En representación de Editorial Galaxia asistiron Sara Valcárcel, responsable de Comunicación e coordinadora de Novos Proxectos, e Arturo Ponte, Departamento Comercial. Para Galaxia, custodiar e difundir o legado de Castelao, que este ano homenaxeamos, é un labor fundamental, e por iso resulta especialmente emocionante asistir ao nacemento dunha obra que o reivindica desde unha perspectiva tan humana como necesaria.

Desde aquí queremos felicitar a todo o equipo do filme por contribuír a manter viva a memoria e a obra dun dos nosos grandes referentes culturais.