A lingua galega protagonista na canle europea minet-TV

Categoría: Nova

O pasado mes tivemos a honra de participar nunha reportaxe da canle europea minet-TV, dentro dunha serie dedicada ás linguas minorizadas de Europa. Neste episodio, Galicia e a súa lingua foron as protagonistas, poñendo o foco na súa vitalidade, evolución e presenza na sociedade actual. 

Editorial Galaxia participou na reportaxe producida pola canle do Südtirol MINET, centrada na realidade do galego como lingua minorizada en Europa. O proxecto, dirixido polo xornalista Martin Hanni, percorre cidades como Santiago de Compostela e Vigo para afondar na historia, presente e futuro da lingua galega tras a súa oficialización coa chegada da democracia.

A reportaxe contou coa intervención de diferentes axentes institucionais e culturais, entre eles Henrique Monteagudo, presidente da Real Academia Galega; José López Campos, conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia; Sara Valcárcel, responsable de Comunicación e coordinadora de Novos Proxectos de Editorial Galaxia; e Xosé M. Soutullo, director de Editorial Galaxia.

Desde Galaxia celebramos iniciativas internacionais que recoñecen o valor da nosa cultura e contribúen a proxectala fóra das nosas fronteiras. 

Podedes ver a peza completa, en alemán, premendo aquí. Nuns meses estará dispoñible en italiano.

Comparte nas túas redes sociais ou por email